Miguel Anxo Bastos Boubeta: "Galicia non é España políticamente falando, nunca o foi, é distinta"

Profesor da Facultade de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela

ALLARIZ (HOTEL OCA ALLARIZ). 24/03/2022. OURENSE. Foro Almuerzo La Región con Miguel Anxo Bastos. FOTO: ÓSCAR PINAL
ALLARIZ (HOTEL OCA ALLARIZ). 24/03/2022. OURENSE. Foro Almuerzo La Región con Miguel Anxo Bastos. FOTO: ÓSCAR PINAL

Miguel Anxo Bastos Boubeta (Lavadores, Vigo, 1967), politólogo, doutor en Economía e profesor da USC, comeza este domingo unha colaboración semanal en La Región. Reflexionará sobre a actualidade, poñendo o foco na política e na economía. E escribirá en galego reintegrado, “unha aposta que lle agradezo ao editor”. Bastos Boubeta falará de cuestións que afectan a Galicia e a España, mais tamén abordará asuntos internacionais.

Na actualidade está o resultado das eleccións europeas do domingo, que lectura fai do resultado?

Subiu a dereita en xeral. E no caso de España, a novidade é que a suma dese dragón de tres cabezas (PP, Vox e Alvise) parece que da; quero dicir, PP e Vox nas españolas sumaron o 45%; agora as tres forzas estarían no 48%. Alvise non quitou voto, ao contrario, aumentounos. Alvise debe morder en espazos aos que non chegaba a dereita.

Iso é un cambio, que consecuencias pode traer? Porque o PP e Vox xa manteñen cogobernos, mais electoralmente seguen indo por separado...

Non sei como se coordinarán. O certo é que non sempre a unidade dá máis. Poderían botar esa conta, pero podería ser a conta da leiteira. Cando Podemos e Esquerda Unida se xuntaron, perderon votos. Cada electorado ten as súas preferencias. Non sempre ir xuntos suma. Permítame unha metáfora. É como se xuntaramos os bares de Ourense e fixeramos un máis grande. O divertido de ir por Ourense é a variedade, chama a máis xente que un bar só, a un lle gusta a orella, a outro a tortilla… Cada un ten seu público, digamos que Alvise penetra máis na rapazada cunha linguaxe máis popular, en cambio os de Vox son como máis señoritos. Pero Vox, pola súa parte, mete máis bulla que o PP, e hai xente de dereitas que quere iso.

Despois das europeas, pensa que Pedro Sánchez salvou outra pelota de partido?

Salvouna. Mais eu veño sostendo hai tempo que o problema do Goberno de coalición non está en Junts, senón en Sumar, que é un partido mal feito desde o punto de vista organizativo. As fracturas veñen por aí. A primeira que houbo foi con Podemos. Son moita xente a bulir e por riba lévanse mal entre eles. Se agora se volvesen xuntar con Podemos, rodaría algunha cabeza máis, a de Yolanda Díaz ou a de Errejón. No que vai de lexislatura, o único decreto que o Goberno non conseguiu sacar adiante foi polo voto en contra de Podemos, non por causa de Junts.

Cre que virán novas “pelotas de partido”? Está por resolver quen vai ser o próximo President en Cataluña, por exemplo.

Salvador Illa teno moi mal. E por culpa del. Illa podería saír presidente co apoio do españolismo, e o españolismo fose maquiavélico, votarían por Illa para tombar o Goberno en Madrid… mais non me atrevo a facer un prognóstico. Pola súa banda, Puigdemont ten boas bazas. E non lle faría tanto dano ao PSOE, porque un Govern de Puigdemont sempre será un goberno tutelado polo PSC. Xa non tería unha maioría absoluta e debería pedir permiso para calquera cousa, pouco independentismo vai saír de aí. O PSOE pode pensar en sacrificar a Illa, pero xa lle digo, non sei por onde poden ir as estratexias.

Incerteza no estado e illa de estabilidade, que di Rueda, no país. Parece que aquí andamos sobre outra onda?

Galicia non é España políticamente falando. Nunca o foi. Galicia é moi distinta. Vemos que non entra a ultradereita, e non é porque non haxa potenciais votantes de Vox. Ese voto potencial de ultradereita haino en todo o mundo. Que acontece? Que o discurso de Vox, ou o de Alvise, non fala de problemas de Galicia, fala dos problemas dos seus votantes en España.

Vai opinar nun medio de carácter local. Que papel xogan medios como La Región no ámbito da información?

Son grandes difusores da cultura entre moitas capas da poboación e onde se debaten os problemas máis próximos. Son necesarios, cumpren unha función moi importante.

Contenido patrocinado

stats