Morre Luisa Hermida, primeira condutora de autobús de Galicia

OBITUARIO

María Luisa Hermida Fernández.
María Luisa Hermida Fernández. | C.Arias (El Progreso de Lugo)

Aos 34 anos, cando a lei llo permitiu, María Luisa Hermida Fernández sacou á primeira o carné de camión e de autocar e converteuse na primeira muller en conducir un bus en Galicia. Un pequeno fito na historia dos dereitos das mulleres, un día máis na vida dunha incansable traballadora que xa pilotaba unha DKV de nove prazas para facer o transporte escolar do Arneiro.

Nada na Graña en Abadín hai 86 anos, Luisa finaba este venres en Muimenta, vila que se converteu no seu fogar logo de casar, con 14 anos e medio, como ela mesma contaba, con Antonio Darriba. Xuntos fundaron unha familia e Autocares Darriba, empresa á que lle dan continuidade o seu fillo e as súas súas netas, que medraron cun espello no que mirarse

Luisa facía rutas escolares e carrexou a diferentes xeracións de escolares de Castro de Rei e de Cospeito. E podía presumir de non ter tido ningún accidente nin sanción de Tráfico. Ata de non sufrir nin un pinchazo. Ademais, sempre compaxinou o seu labor detrás do volante coa atención do supermercado que tiña no baixo da casa e durante un tempo, tamén cunha taberna.

Muller conservadora e afable no trato, foi unha das nove veciñas homenaxeadas polo Concello de Cospeito na mostra Elas, en recoñecemento ao seu labor pioneiro e a súa contribución “en prol da igualdade e da xustiza social”.

Luisa emprendeu o venres a súa última e longa viaxe para reunirse con Antonio, co que botou máis de 70 anos casada, ata o pasamento del en marzo de 2025. Ela marcha, pero deixa tras de si un legado a conservar e todo un exemplo a seguir.

Contenido patrocinado

stats