A política gallega reacciona á morte de Beiras: “ensinounos a facer política con paixón”

REFERENTE DO NACIONALISMO

O falecemento de Xosé Manuel Beiras provocou numerosas reaccións no ámbito político galego, desde o recoñecemento do seu papel histórico no nacionalismo ata o recordo persoal de quen compartiu con el décadas de actividade política

Pontón, nun encontro con Beiras no 2024.
Pontón, nun encontro con Beiras no 2024. | BNG

Rueda: “Foi unha figura política de primeira orde”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou o seu pésame polo falecemento de Xosé Manuel Beiras Torrado, referente histórico do nacionalismo galego, a quen realzou como unha figura política “de primeira orde” na Galicia contemporánea “con independencia das diferenzas ideolóxicas”, precisou.

“Faleceu unha das grandes figuras políticas que houbo nas últimas décadas en Galicia e, para os nacionalistas, un referente sen dúbida”, lamentou este xoves en declaracións a medios de comunicación en San Cibrao das Viñas. O presidente da Xunta trasladou o seu pésame a familiares e achegados de Xosé Manuel Beiras lamentando un falecemento que “deixa unha profunda pegada”. “Con independencia das diferenzas ideolóxicas que, evidentemente, hóuboas e moi grandes, sen dúbida foi unha figura política de primeira orde”, engadiu. No Parlamento, o portavoz popular, Alberto Pazos, manifestara minutos antes o pésame do seu grupo polo falecemento dun parlamentario “moi relevante” da Cámara galega.

“Ensinounos a facer política con paixón”, di Pontón

A líder do BNG, Ana Pontón, reivindicou o legado de Xosé Manuel Beiras, “un político único, un intelectual” que deixa “unha gran pegada” ao ser “referente de moitas xeracións”. “Ensinounos a todos e a todas que había que defender a nación galega, que había que sentir amor por este país e facer política con paixón”, dixo. Ante numerosos xornalistas, nos corredores do Pazo do Hórreo, Pontón, visiblemente afectada, comentou que a noticia “encolle o corazón”. “Beiras é, sen dúbida, un referente do nacionalismo contemporáneo. Foi tamén unha figura clave do BNG, portavoz durante 20 anos, precisamente nunha etapa que foi fundamental para poder expandir ao Bloque como alternativa e, evidentemente, a súa foi unha figura clave”, salientou.

A primeira vez que coñeceu a Beiras, relatou, tiña 16 anos e estaba no instituto e empezara a participar a través das mocidades do BNG. Beiras acudira a Sarria (Lugo) a dar un mitin e para ela, confesou, foi un momento emocionante ao considerarlle “un referente moi importante”. Pontón dirixiuse aos seus fillos, Daniel e Ricardo, que pasan por un momento “difícil” e dos que deu por seguro que nestes momentos “senten o agarimo e o afecto que tantas e tantas persoas senten polo seu pai”, pechou.

Quintana: “Foi clave na vida de centos de galegos”

“Vaise unha persoa clave na vida de centos de persoas na Galicia. Supoño que non haberá ninguén que dubide da obriga de homenaxealo”, dixo Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta entre 2005 e 2009 no bipartito do PSdeG co BNG. Néstor Rego, secretario xeral da UPG, despediu a Beiras en redes coa seguinte mensaxe: “Sempre en Galiza”. O exportavoz nacional do Bloque, Francisco Jorquera, concelleiro na Coruña, sinalou: “É unha das persoas que máis pegada deixaron en min, das que máis aprendín. Tiña unha altura intelectual incrible. Era unha persoa á que lle collía o país na cabeza e no corazón”.

Contenido patrocinado

stats