A reivindicación de Rosalía medra no 189 aniversario
ACTOS EN TODA GALICIA
Actos en toda Galicia resaltan as posturas feministas e de denuncia social da autora de Padrón Rosalía de Castro.
Galicia volveu mirar este 23 de febreiro, Día de Rosalía, á súa autora máis esencial coincidindo co 189 aniversario do seu nacemento no que daquela era o municipio de Conxo, este luns Praza de Vigo de Santiago, unha xornada que volveu servir para reivindicar a vixencia das súas loitas e para demostrar, a través dos nenos e mozos, que Rosalía “está máis viva que nunca”.
En Santiago, como é tradición, os actos comezaron cunha ofrenda floral na Praza de Vigo, na localización onde un día estivo a desaparecida casa natal de Rosalía de Castro e para a que a asociación veciñal Raigame pediu máis atención e “un trato digno”. Nesta ofrenda participaron, entre outras autoridades, o conselleiro de Cultura, José López Campos; os alcaldes de Santiago e Padrón, Goretti Sanmartín e Anxo Rei; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
Contou coa música de Os Carapaus e coa participación de alumnos dos colexios Cluny e Quiroga Palacios, que recitaron un poema de Rosalía e cantaron os seus versos. “A pesar de cumprir hoxe 189 anos, Rosalía está feita unha rapaciña”, dixo Anxo Angueira, quen reivindicou a vixencia do seu discurso “de igualdade, de independencia e de liberdade” e a importancia deste día, porque “cando ela naceu, naceu para Galicia un horizonte de ilusión e de esperanza”.
Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Rei, aproveitou o acto para reivindicar a Rosalía como “punto de entendemento”. Na mesma liña, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo en valor a “rebeldía” e o “inconformismo” da figura de Rosalía como “muller alegre, amante da música e culta”, lonxe do tópico de “muller choricas”; era, en cambio, unha muller “valente, brava e combativa”.
A dignidade do pobo
Tamén Sol Agra quixo reivindicar a esa Rosalía que defendeu os dereitos das mulleres, que “esixía respecto para os traballadores galegos que tiñan que emigrar a Castela”, que defendía a lingua propia e o medio ambiente. “Rosalía de Castro é do pobo e defenderla significa tamén defender o feminismo, a xustiza social e a lingua nai”, resumiu.
Na súa quenda, o conselleiro de Cultura destacou o papel de Rosalía como “precursora” que “amosou a dignidade do pobo galego”. José López Campos afirmou que ela é un “faro guía” en materias como o feminismo ou o galeguismo e agarda que a cultura siga sendo un espazo de convivencia.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro apuntou que a homenaxe tamén “se estende á rede de bibliotecas públicas do Goberno galego, e ao servizo de bibliotecas móbiles, onde esta semana programamos distintas actividades para achegar a súa vida e obra a todos os públicos, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.
Panteón de Galegas Ilustres
Os asistentes peregrinaron despois ao son das gaitas ata o Panteón de Galegas Ilustres, onde se celebrou outra homenaxe con lecturas de poemas ante o lugar onde descansan os seus restos. Participou o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, quen definiu á autora como un dos piares da identidade “colectiva e democrática” de Galicia. Xa pola tarde, a Casa da Matanza (Padrón) acolleu o tradicional Caldo de Gloria.
Por toda a Comunidade sucedéronse actos en entidades culturais, concellos e colexios. O Concello de Santiago publicou un bando municipal reivindicando a súa “mensaxe combativa”. En Ourense e Lugo tamén houbo actos institucionais con escolares. Ademais, a cátedra da USC impulsa este xoves unha lectura antolóxica guiada polo poeta Jaume Subirana, e Teófilo Edicións presenta un estoxo especial coas sete obras en prosa da autora.
A poesía tomou a Deputación de Pontevedra, onde o seu presidente, Luis López, anunciou unha nova edición do certame Canta Rosalía, que convida ás aulas a poñer voz e imaxe aos versos da escritora. López animou aos centros de Primaria e Secundaria a gravar vídeos recitando á poeta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último