Advirten das desigualdades territoriais no acceso á cultura
CULTURA
O Consello da Cultura alerta de que “non se está a cumprir” o acceso aos dereitos culturais.
"Non se están cumprindo os dereitos culturais en Galicia” apuntou Paula Cabaleiro, unha das relatoras do o informe “Acceso á cultura en Galicia”, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e que foi presentado esta semana.
O documento final que, en palabras de Paula Cabaleiro, “queremos que sexa útil para todas as administracións”, condensa a información dun proceso no que o 76% dos participantes define a cultura como un dereito básico, pero o 60% afirma descoñecer o concepto de dereitos culturais. Tamén se puxo en evidencia que non se están a cumprir os dereitos culturais en Galicia, respondendo á pregunta inicial deste proceso. O documento final contén media ducia de conclusións xerais sobre a situación das políticas culturais máis un decálogo de medidas a modo de folla de ruta en materia de acceso á cultura.
“É un informe cunha metodoloxía diferente, que recolle información ao longo de todo un ano e que se sitúa na propia razón de ser da entidade, que ten entre os seus cometidos garantir a cultura”, asegurou Rosario Álvarez, a presidenta do CCG, este xoves.
Deseñouse un foro cunha metodoloxía participativa e descentralizada con cinco sesións que se realizaron en 2025. Arrincou en marzo no Pazo de Goiáns (Boiro), falando de participación; continuou en abril en Allariz, sobre territorio, seguido en maio en Soutomaior, cunha xornada dedicada á comunicación; e pechouse en xuño cunha cita no Pazo de Tor (Monforte de Lemos), arredor da interseccionalidade. En total, foron 13 mesas de traballo nas que participaron 147 persoas de maneira presencial.
Entre as conclusións están as desigualdades territoriais no acceso á cultura e a capacidade de produción, sobre todo no ámbito rural. Para os autores, existe unha sorte de “utilización extractivista do territorio, empregando as contornas naturais e patrimoniais como valor engadido, para eventos alleos á comunidade”.
Tamén hai un concepto, que rexeitan, de “levar a cultura ao rural”. “A cultura non ten que ser levada ao rural: está no rural”, recollen, reclamando que se dea máis prevalencia á cultura de base e estruturas culturais tradicionais. Mais ao mesmo tempo denuncia a ausencia de políticas específicas que garantan a diversidade do ecosistema cultural fóra das áreas urbanas.
O informe propón ampliar equipos humanos, dotalos de recursos suficientes e impulsar formación específica en dereitos culturais para que os profesionais os coñezan e poidan actuar en consecuencia, así como unha normativa con visión integradora e a longo prazo.
Tamén se aposta pola creación de “estruturas reais de gobernanza participativa”, como consellos cidadáns e de orzamentos participativos en materia cultural para incrementar o grao de participación da sociedade no seu conxunto e non abranguer unicamente o seu papel como espectadores.
A maiores, o estudo reclama a descentralización de recursos e a inclusión de colectivos específicos, como “a aplicación da perspectiva de xénero” ou a accesibilidade para persoas con diversidade funcional. Finalmente, esixe “unha comunicación comprensible que permita á cidadanía coñecer, exercer e defender os seus dereitos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Sociedad de Promoción Exterior Principado de Asturias
Bruno López, director general de Asturex: “Exportar requiere paciencia, constancia y músculo económico”
José Luis Gómez
CUENTA DE RESULTADOS
Golpe al proteccionismo de Trump
SEGURIDAD VIAL EN PELIGRO
La montaña rusa de la Nacional 120 entre O Barco y Ourense
PIDEN UN PLAN ECONÓMICO
El PP critica el retraso del Concello de Ourense al llevar las cuentas