CONSERVACIÓN DO PAZO
Rueda avanza que a Xunta de Galicia quere a xestión de Meirás
CONSERVACIÓN DO PAZO
Alfonso Rueda destacou onte que a Xunta de Galicia porase en contacto co Goberno central para solicitar que se leven a cabo as obras necesarias para garantir a conservación do Pazo de Meirás e permitir así as visitas públicas ao interior do inmoble na súa totalidade. Así se recolle no informe avaliado polo Consello da Xunta, no cal figuran os próximos pasos que vai dar a Administración autonómica en relación con este inmoble localizado no concello coruñés de Sada.
Na rolda de prensa posterior ao Consello, Rueda sinalou que “hai que valorar a fórmula máis adecuada, podería ser unha cesión, unha transferencia de titularidade, habería que falalo”, ao referirse que, calquera que sexa a vía, a prioridade do Executivo autonómico é “xestionar o pazo”.
Polo momento, a Xunta acordou instar ao Goberno central, actual titular das Torres de Meirás, a que acometa un plan de rehabilitación integral do inmoble, considerado urxente e imprescindible para garantir a súa conservación e seguridade, tanto no interior coma no exterior, e permitir a súa apertura completa ao público.
O presidente Alfonso Rueda avanzou que, unha vez executadas estas obras, o Executivo galego reiterará a súa vontade de asumir a xestión do pazo, abrindo para iso un proceso de “diálogo co Estado” para analizar a fórmula máis axeitada, xa sexa a cesión de uso ou a transferencia da titularidade. A xestión autonómica é unha das demandas do movemento memorialista.
No ámbito cultural, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude iniciará a elaboración dun novo plan de usos para actualizar o documento de 2020, co obxectivo de converter as Torres de Meirás “nun espazo destinado á creación e difusión da cultura galega contemporánea”, informou a Xunta. Este documento “respectará e integrará toda a historia do inmoble”, incluíndo de forma moi destacada o legado da súa antiga propietaria, a escritora Emilia Pardo Bazán, así como a explicación do proceso histórico polo cal o recinto acabou converténdose en propiedade do ditador Francisco Franco.
Para “enriquecer” este novo plan de usos, a Xunta promoverá un proceso aberto e participativo, animando a diferentes colectivos, sensibilidades e á cidadanía en xeral a achegar as súas ideas e reflexións para lograr un proxecto plural e representativo. No eido xurídico, o Goberno autonómico decidiu aliñarse co Estado e acordouse comunicar formalmente á Avogacía do Estado a intención da Xunta de sumarse ao recurso xudicial para impedir que se proceda ao pagamento de calquera tipo de indemnización económica á familia Franco. A Xunta lembra que o traballo coordinado e técnico entre as administracións foi o que permitiu recuperar o pazo.
O BNG defenderá a través da súa proposta de declaración institucional no Parlamento de Galicia a transferencia do Pazo de Meirás a Galicia e que “non se lle de nin un só euro de indemnización” á familia Franco. Así o explicou Ana Pontón tras reunirse en Santiago cos representantes da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica, Carlos Babío, Rubén Centeo e Beatriz Parga.
Pontón afirmou que “estamos ante un gran triunfo, mais parécenos unha labazada á democracia e ás propias vítimas do franquismo” que a sentenza recoñeza a necesidade de indemnizar á familia Franco, lembrando que estes gozaron durante case 50 anos dun ben de titularidade pública.
Engadiu que é “politicamente importante” reclamar que non se pague “nin un só euro á familia Franco”, e recordou que o Parlamento galego xa aprobou en 2017 a recuperación do pazo sen custo para a cidadanía, ao considerar que xa fora asumido en 1938.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CONSERVACIÓN DO PAZO
Rueda avanza que a Xunta de Galicia quere a xestión de Meirás
DRONES Y VIDEOVIGILANCIA
Aprobado el plan de la Xunta Pladiga contra los incendios forestales: principales medidas y medios
FRENTE A LAS 5.269 DE 2024
Gráfico | Los divorcios y separaciones descienden en Galicia un 13,2%, con 4.573 en 2025
Lo último
SOCIEDAD FILATÉLICA MIÑO
Ourense recorre la Semana Santa a través de sellos
Fernando Jáuregui
Ahora somos “país refugio”, mire usted por dónde
"INFLUIR" EN LOS RESULTADOS
El PP denunciará a Tezanos por “inflar” datos del PSOE
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Un mal trago para Sánchez