Rueda comparece no debate co Bono Coidado baixo o brazo

ESTADO DA AUTONOMÍA

O presidente fará balance “desde o inconformismo e a autocrítica” sobre o Estado da Autonomía

Alfonso Rueda preparando o Debate do Estado da Autonomía.
Alfonso Rueda preparando o Debate do Estado da Autonomía. | Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia na súa intervención no debate sobre o estado da autonomía, que o Bono Coidado porase a disposición doutras 10.000 persoas maiores e das súas familias, que se suman ás 40.000 que o perciben nestes momentos. Fontes do Goberno galego consultadas detallaron que o presidente autonómico divide o seu discurso en tres bloques, vertebrados pola idea de “Galicia Calidade”: economía, servizos públicos e innovación.

No bloque de servizos públicos, Rueda fará un dos seus principais anuncios: o Bono Coidado, que ofrece 5.000 euros ao ano para as persoas dependentes que reciben atención na súa casa, porase a disposición de 10.000 persoas máis no que queda de lexislatura, despois de que se duplicase desde as 20.000 até as 40.000 ao incrementarse as contías. Ademais, Rueda fai balance, “desde o inconformismo e a autocrítica”, de Sanidade, Educación e Servizos Sociais que, explican, “están a mellorar e modernizándose, con máis orzamento e servizos innovadores adaptados á realidade social de Galicia”.

Sobre economía, o presidente da Xunta ten previsto repasar os retos pendentes en materia industrial e enerxética, as perspectivas do sector primario e os retos en materia de emprego para “seguir incrementando a produtividade e mellorando os salarios”.

Prosperidade

O terceiro bloque está centrado “no camiño cara á prosperidade” ao que aspira o Executivo galego, co foco “na innovación, a identidade e a mellora á vertebración territorial” de Galicia. Así as cousas, Alfonso Rueda prepara un discurso “propositivo e en positivo”, sobre un proxecto para Galicia que, consideran as fontes, “xa foi dando froitos” e que “sentou as bases para seguilos dando en todo o que queda de década”.

En definitiva, o obxectivo é aproveitar o seu discurso inicial no debate, no que conta con tempo ilimitado, para “render contas ante a cidadanía e os grupos políticos”, unha vez superado o ecuador da lexislatura, e marcar “novos obxectivos para os próximos meses”, de acordo “cos principios e as liñas de actuación comprometidas” no seu programa electoral.

Vivenda e medidas fiscais

Este mesmo luns, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alfonso Rueda xa avanzou que o acceso á vivenda será outra das cuestións sobre as que pivotará a súa intervención deste mércores no Pazo do Hórreo. “Hai cousas que cumprir en materia de vivenda, novas cousas que achegar, cuestións que agora mesmo están de actualidade e que son moi necesarias porque se poden converter en problemas e xa están a afectar á nosa produtividade”, subliñaba. Tamén hai “novidades” en relación con esta materia, avanzou, ademais de sinalar que trasladará á Cámara outras propostas para “ampliar coberturas de carácter social” e máis rebaixas fiscais.

Do mesmo xeito, Alfonso Rueda puxo en valor esta semana a “normalidade institucional” que supón que sexa o segundo ano do mandato no que se celebra este debate autonómico de política xeral, do mesmo xeito que a aprobación das contas galegas.

Ana Pontón lanzará a súa alternativa

“As galegas e os galegos van ver neste debate unha alternativa de goberno, a que representa o BNG con ideas claras, propostas reais e proxecto político para poñer este país onde se merece, que é moito máis que a propaganda e os incumprimentos do PP”, insistiu hoxe Olalla Rodil, viceportavoz do BNG, a formación que lidera Ana Pontón e que na metade da lexislaura quere marcar perfil como alternativa ao PP.

O Bloque Nacionalista Galego avanzou que centrará o debate “na Galiza real”. Rodil anunciou que levarán ao Parlamento “a voz” das milleiros de persoas que agardan 15 días ou máis para ser atendidas polo seu médico de cabeceira, “das 11.000 crianzas que non teñen pediatra asignado, das máis de 22.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda e da mocidade que ve como o prezo dos alugueres fai imposible desenvolver un proxecto de vida propio”.

Os socialistas porán o foco na crítica

O PSdeG presentará propostas nas que exporá “un modelo alternativo baseado no reforzo e recuperación dos servizos públicos” e tamén centrará o seu discurso no desenvolvemento industrial de Galicia e na “falta de prevención” en materia de incendios, así como na situación da sanidade pública para tratar de evitar o seu “desmantelamento e privatización” e en vivenda. Esta semana a vicevoceira do Grupo Parlamentario Socialista Lara Méndez acusou ao PP de inflar o balance das 53 propostas do anterior debate. A cita comezará a partir das 10,00 horas coa intervención de Alfonso Rueda. Non terá límite de tempo. Pola tarde, os portavoces dos grupos terán 45 minutos. Será o xoves cando as catro formacións presenten as propostas de resolución, que se votarán o venres a partir das 11,00 horas.

Contenido patrocinado

stats