NAVIDAD EN GALICIA
El Apalpador, el Tizón de Nadal y otras tradiciones de la Navidad en Galicia
SANTO APÓSTOLO
Cada 25 de xullo, en Santiago de Compostela, a cidade na que todos nos sentimos peregrinos, celébrase con solemnidade a chamada Ofrenda ao Apóstolo Santiago, seguindo unha longa tradición que se remonta, documentalmente, a mediados do século XVII, cando o rei Felipe IV, dos últimos monarcas da Casa de Austria, atopando “as Españas” de entón nun contexto de grandes dificultades, tanto internas coma externas, proclamou a Santiago Apóstolo como Patrón de España de maneira oficial. Isto non quere dicir que o pobo sinxelo non sentise esa protección do Santo Apóstolo - pódese comprobar en todos aqueles templos, pequenos e grandes, que teñen algún dos seus altares dedicados a Santiago ou lle gardan devoción ás súas imaxes, ben ao Santiago cabaleiro, ao que outros chaman “matamouros”, ou ao Santiago peregrino e evanxelizador; con todo, naquela difícil ocasión, o Rei de entón, facendo fincapé nunha tradición multisecular que simbolizaba a devoción da nación española cara o Apóstolo e o seu recoñecemento como patrón e protector espiritual de España, estableceu o costume de que, cada 25 de xullo, Rei de España ou ben un delegado seu realizaría unha ofrenda solemne no seu nome ao Apóstolo Santiago, na catedral compostelá.
Aínda que a Ofrenda Nacional é de mediados do século XVII, con todo as raíces deste evento afúndense nunha tradición que provén da Idade Media, sobre todo cando se afirma o culto a Santiago como patrón dos reinos cristiáns durante o período da Reconquista. Ben é certo que, na actualidade, a Ofrenda lévase a cabo, mesmo contra aqueles que sosteñen que carece de sentido, como unha tradición viva coa que se enlaza o pasado e o presente da nación.
Aínda que o Reino de España é hoxe un Estado aconfesional, este acto mantense porque conserva un valor cultural, patrimonial e espiritual co que se expresa e manifesta a identidade histórica profundamente vinculada á figura de Santiago, ao Camiño de Santiago e polo tanto, ás raíces cristiás da maior parte dos nosos pobos e das súas xentes. Non hai máis que contemplar con obxectividade a maior parte do patrimonio histórico-artístico dos nosos pobos e o sentido da maioría das súas xentes. Curiosamente, hai tan só unhas semanas, puiden asistir cos bispos das cinco dioceses galegas, a outro acto un tanto similar pero que ten algunhas particularidades que o fan especial. Refírome á Ofrenda das Sete Cidades do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, acto solemne que se realiza na catedral de Lugo e que ten a súa orixe no ano 1669. Este acto naceu coma un xesto de agradecemento ao Santísimo Sacramento pola protección divina contra diversas calamidades, especialmente pragas e guerras, e podemos dicir que se inscribía na tradición barroca de exaltación eucarística do momento; con todo, a ofrenda que se fai cada ano en Lugo por parte das sete cidades do antigo Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Tui e Betanzos, ten unha particularidade moi especial, os representantes de cada unha das antigas cidades, non o fai no nome do Rei, senón no nome do Antigo Reino; é dicir, no nome de todas as xentes que habitan este antigo Reino que recoñece as súas raíces cristiás e, de maneira especial: eucarísticas.
Esta ofrenda é un dos poucos ritos eclesiástico-cívicos que perviven dende o Antigo Réxime ata hoxe, e simboliza a unidade de Galicia como reino histórico, a devoción eucarística, e a alianza entre Igrexa e poder civil ao redor da figura de Cristo presente na Eucaristía. Non é de estrañar que sexa a catedral de Lugo o lugar da ofrenda xa que é a esta provincia onde pertence O Cebreiro, lugar sinalado no Camiño de Santiago e na tradición do noso pobo por ser aquel onde aconteceu un dos milagres eucarísticos máis destacados desde a Idade Media. Este acontecemento deixou o seu sinal no escudo de Galicia, que xa se atopa en gravados do século XVII, onde se pode contemplar unha apoteose do Reino de Galicia, representada por unha matrona levada nun carro engalanado e cun destacado escudo en cuxo centro se contempla a Eucaristía rodeada de sete cruces que representan as mencionadas sete cidades do Antigo Reino.
Cando se fala tanto de recuperar a memoria histórica é necesario facer como unha inmersión nalgún dos nosos arquivos ou bibliotecas e comprobar que as raíces da nosa terra teñen unhas connotacións moi especiais que debemos respectar se non queremos caer nunha deconstrución dunha realidade histórica que non se deu. A festa de Santiago vivida en e desde Compostela non é un acontecemento que afecta só a estas terras e ás súas xentes senón que, como ben nos lembra unha das oracións da Igrexa Católica, invócase a protección do Apóstolo, amigo do Señor Xesús, para que protexa non só á nación española senón aos pobos irmáns. A fe cristiá, en virtude da súa catolicidade, non ten fronteiras, por iso busca sempre tender pontes e abrir horizontes para construír unha sociedade aberta a todos e en paz.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NAVIDAD EN GALICIA
El Apalpador, el Tizón de Nadal y otras tradiciones de la Navidad en Galicia
MESES EN CONDICIONES PRECARIAS
Localizados en Sober un menor y su madre con orden de búsqueda en Alemania
40 AÑOS DE ADHESIÓN A LA UE
Del crecimiento del PIB a las ayudas de la PAC y en el progreso del Camino
Lo último