HABILIDADES COMUNICATIVAS
“Seducindo con ciencias”, a iniciativa da UVigo de ‘speed dating’ divulgativo
HABILIDADES COMUNICATIVAS
Namorar da ciencia en galego. Con esta idea como punto de partida, a Universidade de Vigo estrea mañá, 26 de novembro, “Seducindo con ciencias”, un speed dating divulgativo que convida a descubrir proxectos científicos a través dunha dinámica de citas rápidas, próximas e en galego. A iniciativa forma parte da programación organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) con motivo do Día da Ciencia en Galego, que se completa coa publicación da terceira entrega da Escolma de termos científicos, un glosario que busca facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego.
A proposta “Seducindo con ciencias” traslada o formato das citas rápidas ao ámbito da divulgación científica, e faino mediante conversas rápidas de tres minutos nas que as persoas investigadoras da UVigo presentarán as súas investigacións co reto de conquistar o interese do público e conseguir facer match. “A dinámica será individual e consistirá en presentar proxectos científicos mediante encontros de tres minutos, nos que cada persoa investigadora terá o reto de seducir e facer match coa persoa que teña enfronte”, sinalan dende a UCC+i da UVigo, servizo encargado da organización das actividades.
Ao final da cita, as persoas asistentes poderán escoller o proxecto que máis os cautivase, o “match científico”, e a persoa investigadora que mellor conseguise captar o seu interese pola maneira de comunicar, o “match divulgativo”. Deste xeito, a actividade busca poñer en valor tanto a relevancia das investigacións como a capacidade das científicas e científicos para explicalas en galego dun xeito atractivo e próximo.
A actividade desenvolverase mañá, xoves, en dúas quendas. A primeira, dirixida á comunidade universitaria, terá lugar de 11,00 a 12,30 horas no espazo Incuvi, situado na praza Miralles do campus de Vigo. A segunda, destinada ao público xeral maior de 12 anos, celebrarase o mesmo día de 17,00 a 18,30 horas no terceiro andar do edificio Redeiras, no Berbés. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través da plataforma Eventbrite.
Entre os preto de 20 investigadores participantes figuran proxectos sobre socioloxía, biotecnoloxía, fisioloxía vexetal, ciberseguridade ou arqueoloxía prehistórica, entre outros. “Tamén haberá sorpresas, como a posibilidade de participar nunha cita a cegas cunha persoa investigadora”, explican dende a UCC+i.
A iniciativa pretende achegar os proxectos de investigación da UVigo á cidadanía e á comunidade universitaria, promovendo a divulgación científica en lingua galega e poñendo en valor a investigación neste idioma. Así mesmo, busca crear un espazo de encontro que favoreza a cooperación entre grupos de investigación e fomentar as habilidades comunicativas dos investigadores.
Ángela Arnosa e Mario Soilán son dous dos preto de 20 investigadores da UVigo que participarán mañá en “Seducindo con ciencias”.
Pregunta. En que consistirá este ‘speed dating’ científico?
Respuesta. M.S.: A dinámica é a mesma que nos ‘speed dating’ normais, digamos, nos que a xente pode vir a falar con nós durante uns minutos. Pero en lugar de falar de que música nos gusta ou que nos gusta comer, falamos de ciencia. Nós falamos do noso traballo como científicos da UVigo e a xente pode elixir ao final do evento quen lle gusta máis; por un lado a persoa que máis lle gustou como comunicaba o seu traballo e por outro, a investigación que máis lle chamou a atención.
P. Como se vai desenvolver a actividade?
R. A.A.: Vai ter un formato moi dinámico porque o que se vai facer é que os participantes irán rotando por turnos en charlas pequenas de tres minutos polos diferentes participantes. Haberá unha quenda de mañá que estará enfocada ao persoal da UVigo e que se realizará no espazo Incuvi e unha quenda de tarde en Redeiras de 17 a 18,30 horas para o público xeral. Aínda que as dúas terán o mesmo formato, haberá sorpresas polomedio como unha cita a cegas cun investigador descoñecido. Creo que vai ser algo dinámico e atractivo.
P. Cren que a ciencia ten que seducir á xente que está fóra do mundo universitario ou realmente a ciencia si que ten algo de sexi?
R. M.S.: Eu creo que o papel da divulgación, sobre todo cun público que non está tan achegado á ciencia, e xerar ese contacto co mundo da investigación que te pode facer reflexionar ou incluso en xente máis nova espertar vocacións, si que pode ter unha certa analoxía coa seducción nese sentido. Sobre todo, con esa chispa inicial que si que é verdade que non dura para sempre, porque tamén é importante entender que o traballo científico require tempo, esforzo, paciencia e compromiso como calquera relación a longo plazo. E iso vai máis aló da seducción.
R. A.A.: Eu concordo con Mario, pero dende o meu punto de vista creo que a ciencia de por si xa é sexi. Eu diría, facendo unha analoxía desas típicas películas románticas dos 2000, que a ciencia é como a típica protagonista á que de súpeto lle quitan os lentes e lle cambian o peiteado e pasa a ser alguén super sexi e ninguén sabía que estaba aí. Nós facemos un pouco o mesmo: a ciencia xa ten ese poder e nós facilitamos o seu descubrimento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
HABILIDADES COMUNICATIVAS
“Seducindo con ciencias”, a iniciativa da UVigo de ‘speed dating’ divulgativo
UN MILLÓN DE EUROS
El Euromillones deja un nuevo millonario en una parroquia de Galicia
OPERACIÓN FRAPOBA
Siete detenidos por estafas mediante el robo de tarjetas SIM