A Xunta de Galicia eleva a aposta pola innovación até os 400 millóns

MAIOR COMPETITIVIDADE

Rueda anuncia a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que movilizará máis de 400 millóns

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na roda de prensa tras o Consello da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na roda de prensa tras o Consello da Xunta | Xunta de Galicia

O Consello acorda iniciar os trámites para a posta en marcha da primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 coa que se prevén mobilizar máis de 400 millóns de euros. O obxectivo é dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade, afirmou a Xunta nun comunicado tras a reunión.

O presidente Alfonso Rueda enmarcou a iniciativa na necesidade de que a innovación deixe de ser unha práctica puntual para converterse nun elemento estrutural do día a día das empresas galegas. “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu funcionamento”, subliñou.

Segundo explicou Rueda, a previsión é aprobar a estratexia no primeiro semestre de 2026. Antes dese prazo, a Consellería de Economía e Industria abrirá un proceso de diálogo cos axentes sociais e coas entidades do sector para recoller achegas e perfilar unha folla de ruta consensuada. Mobilizará máis de 400 millóns de euros de fondos propios, o que supón un incremento próximo ao 60% respecto ao escenario anterior. Este investimento destinarase á atracción de talento e proxectos tractores, á creación de espazos de experimentación e ao impulso da alta tecnoloxía, incluída a intelixencia artificial.

A Xunta fixa como metas incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras -actualmente máis de 1.750- e elevar o gasto privado en innovación ata os 1.500 millóns de euros, reforzando así a competitividade e o emprego de calidade en Galicia.

Cambios no goberno: sae Lete e tres relevos post-incendios

Alfonso Rueda anunciou seis cambios no nivel intermedio do seu Goberno, que inclúen tres relevos na Consellería do Medio Rural e tamén o cesamento “a petición propia” dun veterano: o ata agora secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Larsa. Lete Larsa, a quen Rueda agradeceu os servizos prestados “durante tantísimos anos” -máis de 16, en distintas etapas- será substituído por Roberto García.

O xefe do Executivo tamén informou do cesamento de Julián Cerviño, responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que será substituído por Damián Rey.

E tras un verán marcado por grandes incendios -que afectaron sobre todo a Ourense e ao sur da provincia de Lugo-, autorizáronse tres relevos en Medio Rural, comezando polo de Jorge Atán, secretario xeral técnico do departamento que dirixe María José Gómez, quen será substituído por Marta Forés Lojo. Manuel Rodríguez, ata agora director xeral da Defensa do Monte, “un posto especialmente complicado”, en palabras do propio Rueda, tamén cesa. Substitúeo Manuel Francisco Gutiérrez.

Así mesmo, José Luis Chan, quen era o responsable de Planificación e Ordenación Forestal, deixa o seu cargo en mans de Luisa Piñeiro, quen fora alcaldesa de Moraña e delegada territorial da Xunta en Pontevedra, e que exercía como xerente de Seaga. Finalmente, Cándido Rial cesa como director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e será relevado por Isaac Rosón Sánchez-Brunete.

“Podemos seguir conseguindo cousas con este clima social e laboral”, di Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que os balances negativos do 2025 realizados pola oposición son “un pouco repetitivos”. A preguntas dos medios en rolda de prensa tras o Consello da Xunta, Rueda dixo que desde o Goberno galego están “a consolidar un ecosistema de innovación” que, ao seu xuízo, pode dar “moitas alegrías nos próximos anos”. “Para iso -engadiu- hai que seguir garantindo a estabilidade institucional, e seguir mantendo un clima social e laboral no que se poida seguir conseguindo moitas cousas”.

O 2026 abrirase coa a maior convocatoria da intervención Leader

A Xunta fará efectiva a comezos do vindeiro ano a maior convocatoria da historia da intervención Leader para impulsar o desenvolvemento rural en Galicia, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para distribuír no período 2026-2028. “Esta repartición en tres anualidades permitiralles aos xestores dos proxectos desenvolver a súa idea con maior marxe de tempo”, explica o Goberno galego. Estes fondos forman parte do orzamento da intervención Leader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

As trece unidades de Drogodependencia pasan a depender do Sergas

O Executivo galego aprobou o decreto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais da atención sanitaria prestada polas 13 unidades asistenciais de atención á drogodependencia (UAD) de titularidade municipal que, a partir do 1 de xaneiro de 2026, quedan integrados no Servizo Galego de Saúde. Trátase das unidades dos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Contenido patrocinado

stats