Aquelas rapazas

Rabo de nube

A historia, o conto, a crónica dun tempo, escrita por Enríquez e moi ben ilustrada por Helia Toledo, contada en primeira persoa, ten que ver co verán (o de 1989), na vida de dúas rapazas, habitantes dun barrio periférico

Publicado: 15 may 2020 - 04:56 Actualizado: 15 may 2020 - 09:45

Das autoras arxentinas que van abríndose paso neste superpoboado, tamén de escritores, país quero salientar a Mariana Enríquez. Outra da miña parcialidade é Leila Guerreiro, dona dunha pluma talvez literaria de máis para un xornalismo que non termina de entendela.

Mariana é autora dun dos libros mellores, mellor editados, tamén, dos últimos tempos. Un libro de extensión mínima, que se le nun ensalmo. O único, que axiña pedirá releitura tentando que o leitor activo procure algún outro dos seus entobos. A historia, o conto, a crónica dun tempo, escrita por Enríquez e moi ben ilustrada por Helia Toledo, contada en primeira persoa, ten que ver co verán (o de 1989), na vida de dúas rapazas. Habitantes dun barrio periférico, nun tempo no que a inflación muda o prezo do tabaco dúas veces ao día, a protagonista (a narración contada en primeira persoa, co que iso doe) e a súa amiga, Virginia van e veñen polo barrio, fumando, tamén substancias paraguaias, observando, alternando cun quiosqueiro que sufre da sida, e -sobre todo- teimosas no tema que máis lles chama a atención o dos “serial killers”. E aquí debo parar a descripción do relato, que ben poderá nun futuro dar para unha novela, porque nunha historia na que acontecen poucas cousas no remate, sen se precipitar, sen acelerar o ritmo, coa mornura distanciada que Mariana Enríquez emprega, estala a traxedia.

Como remate dun acontecer tan monótono cal a vida destas cativas que, con esa economía expresiva, selo da Casa Enríquez, son quen de nos contar a polémica familiar sobre os milicos, a crise económica que espreitaba, a certa distancia, os “corralitos”, a vida de veciñanza riba da que se ergue esa traxedia, digna de ser levada ao cinema. E, por certo, como artista convidado o mítico asasino múltiple Carlitos Cara de Ángel, protagonista dunha boa película, “El Ángel”, dirixida por Luis Ortega, fillo de Palito Ortega, outra historia. Para ser contada, diría Kliping, noutro lugar. Neste cabe este libro espléndido, moi recomendable para os amantes da boa literatura. A que sabe condensar as historias, para facer que relouqueen a cada paso. Como fai Mariana Enríquez, amante dos excesos, mais con talento abondo como para contelos.

Contenido patrocinado

stats