A escuridade de Amoebo

"ESCÁNDALO NO ESCURO"

“Escándalo no escuro” é o título do novo disco de Amoebo, a banda que comparten Aaron Valle e David Fernández, un traballo no que, tanto no lírico como no musical, a escuridade é o común denominador

Amoebo
Amoebo | La Región

Coa escuridade como protagonista tanto no lírico como no musical, “Escándalo no escuro” chámase o novo disco de Amoebo. “Directo e sen tapuxos” no lírico e a ritmo de música urbana con influencias de mocidade como o grunge e o metalcore, segundo o seu cantante, guitarra e frontman ourensán Aaron Valle, o traballo foi producido por David Fernández -tamén a cargo de guitarra, baixo e teclados-, do mesmo xeito que o anterior “Cada vez mellor”.

Pregunta. O single “Unha foto” é unha carta de presentación do novo disco. Imaxina que che fan agora mesmo unha foto, como sería?

Respuesta. Sería un retrato ambiguo, un rostro como o da mona lisa que pode expresar moitas emocións con só unha cara. Veríaseme fatigado de remar tanto e tan forte polos meus soños, pero tamén veríaseme ilusionado. Supoño que tamén daría pé a un rostro seguro do que está a facer, con fame de máis, e cun certo ego, todos os artistas o temos.

P. E como sería a foto do momento ao que desexas chegar como artista?

R. Querería ver o mesmo rostro, coa mesma ilusión e as mesmas ganas de máis, pero máis tranquilo e relaxado. Rodeado da mesma xente e cun sorriso de orella a orella por desfrutar todo o meu tempo do que de verdade me gusta.

P. Que move a escuridade na que está inspirada, no lírico e no musical, o novo disco?

R. No musical todo parte do noso pasado. Dos sonidos que nos influíron tanto a min como a David na nosa mocidade, o metalcore, o grunge, o doom metal. Obviamente non facemos metal, seguimos a onda dos anteriores traballos de Amoebo, só que tinguimos todo de armonías máis escuras e incluimos todas as guitarras con distorsión que nos foron posibles encaixar no noso estilo. Buscamos fusionar a música urbana e enérxica que nos caracterizaba até o momento, cun pouco de todo o de atrás. No lírico é un álbum directo e sen tapuxos. Eu canto as cousas como as digo, e non ando con rodeos. Na cara A falo de amor e de sexo, sen metáforas nin reviravoltas. Non hai tabús, máis ben todo o contrario, desfruto esaxerando e provocando. Ao final todo é unha hipérbole, pero é que así é a música, os cantautores tampouco choran tanto como cantan. Na cara B enfoquei as letras mirando para adentro. Na situación na que me atopo na miña carreira, nos haters, na industria, na ambición, nos pensamentos intrusivos e nas cousas feas que te atopas por este mundo tan bonito da música. É un disco no que, tamén facendo unha hipérbole, me deixo levar pola ansiedade, o ego, e demais pensamentos escuros.

Contenido patrocinado

stats