Francisco Fernández del Riego, valedor da cultura galega
Sesenta anos despois de que nacera o Día das Letras Galegas, este 17 de maio de 2023 dedícase a quen fora promotor desta celebración. Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá 1913–Vigo 2010), un xigante da cultura galega á que consagrou toda a súa vida e todo o seu traballo, froito do cal deixou un extenso legado. A súa obra foi prolífica cultivando un amplo abano de xéneros, destacando sobre todo nos seus estudos sobre autores galegos, crítica literaria e libros de viaxes. Pero por enriba da súa aportación material está a inmaterial, que practicou dende a súa mocidade, en defensa da causa de Galicia, da súa lingua e a súa cultura, tanto antes da guerra civil, o que lle costaría a depuración política, a privación do seu posto como profesor na Universidade de Santiago e o exilio interior, como durante a etapa franquista, xa establecido en Vigo, o que suporía para el varios procesos e detencións, contratempos que non o afastaron do seu compromiso.
Primeiro de once irmáns, Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá, o 7 de xaneiro de 1913. Estuda nunha escola unitaria da súa vila natal e nos Escolapios de Monforte e na Universidade Central de Madrid, na que comeza Dereito, que logo rematará en Santiago de Compostela cando a súa familia trasládase a esa cidade. Será en Madrid onde comeza a militar nos movementos galeguistas. Xa en Santiago toma contacto cos intelectuais galeguistas da época: Carballo Calero, Fraguas, Xocas, Cuevillas, Risco, Otero Pedrayo e incorpórase practicamente dende a súa fundación ao Partido Galeguista.
No fronte
A guerra civil trunca os non so os proxectos de toda unha xeración, en moitos casos a vida dos seus integrantes. Nos primeiros días, Del Riego agóchase, consciente de que a súa implicación no movemento galeguista e na participación na promoción do Estatuto de Autonomía pódelle costar a vida como pasaría con Ángel Casal e Alexandre Bóveda. Pero pronto decátase de que o único sitio onde ten máis posibilidades de seguir vivo e marchando ao fronte de batalla como soldado do exército do bando sublevado.
Rematada a guerra, perdido o seu emprego de profesor de Dereito, inhabilitado para a docencia e outras actividades e aínda en perigo, decide trasladarse a Vigo, onde traballará como pasante no bufete de Valentín Paz Andrade, colaborando pouco tempo despois na revista “Industrias Pesqueras” e impartindo clases no colexio Mezquita. A fin de evitar problemas, elude citar o seu segundo apelido, para pasar máis inadvertido como Francisco Fernández. Nas súas colaboracións periodísticas, que comeza xa establecido na cidade olívica, emprega o pseudónimo de Salvador de Lorenzana. En 1940 casa en A Rúa de Valdeorras con Evelina Hervella. Ese mesmo ano comeza tamén a impartir clases no colexio Labor de Vigo e ao longo da década de 1940 estende a súa actividade periodística a xornais e revistas de toda Galicia utilizando ademais do pseudónimo antes citado os de Cosme Barreiros, Adrián Soutelo e outros. Dende 1943 ate 1984 está ao fronte da revista “Industria Conservera”, órgano impreso da Unión de Fabricantes de Conservas de Pescado, hoxe ANFACO. Alí escribe co pseudónimo “Alevín”, pero tamén traduce, edita os artigos dos colaboradores técnicos e corrixe as probas de imprenta. Un exemplo da súa capacidade de traballo que compatibilizaba cos outros que desenvolvía e coa a súa actividade cultural absolutamente altruista.
En 1949 a Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires publica o seu primeiro libro, “Cos ollos do noso esprito” e un ano despois participa na fundación da Editorial Galaxia, na que publicará en 1951 a súa “Historia da Literatura Galega”, editado en castelán nesa primeira edición e logo xa en galego nas sucesivas edicións. Seguirán ducias de títulos, escolmas de poesía, edicións de autores como Vicente Risco, Cabanillas, Blanco Amor… e unha longa serie de ensaios sobre figuras como Antolín Faraldo, Xocas, Cunqueiro, etcétera.
Un gran viaxeiro
As innúmeras obrigas profesionais que vai asumindo dende que chega a Vigo non lle privan dunha das súas actividades favoritas: viaxar. Percorre varios países europeos, viaxa a Arxentina e Uruguai, Venezuela. Vai a Alemaña con Ramón Piñeiro e a Inglaterra con Cunqueiro e dun xeito constante a Portugal, participando en congresos e reunións de carácter cultural. As primeiras viaxes por Europa e América desenvolvense na década de 1950.
Ingresa na Real Academia Galega en 1960 como membro de número, xa que era correspondente desta institución dende 1948. En marzo de 1963 propón co apoio de Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román a celebración do Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio dese mesmo ano. Non será o único fito no ano que cumpre 50. Participa na constitución do Partido Socialista Galego, sendo nomeado o seu primeiro secretario xeral. Tamén en 1963 constitúese a Fundación Penzol, cos fondos doados por Fermín Fernández Penzol. Del Riego será o seu director ata poucos meses antes da súa morte. A súa actividade é intensísima. En Galaxia, na revista Grial, na Penzol, publicando libros e mantendo unha constante relación cos artistas e intelectuais galegos tanto na diáspora como no exilio interior ate o punto de ser considerado o principal aglutinante, silencioso, eficiente e incansable, dende o seu despacho na Biblioteca Penzol, primeiro na sede inicial en Policarpo Sanz, despois no seu actual emprazamento. En 1995 fixo doazón, xunto coa súa dona Evelina, de súas coleccións bibliográficas, documentais e artísticas, constituíndose o Museo, Arquivo e Biblioteca Francisco Fernández del Riego que comparte sede coa Penzol na Casa Galega da Cultura, antiga casa do Concello de Vigo.
Entrañable e traballador
Directora Técnica da Fundación Penzol, Marián Vidal Fraile leva dende 1985 como membro do equipo desta institución. “Cheguei cun grupo de compañeiros que procedíamos da Escola de Artes e Oficios, xusto cando o Concello de Vigo decide trasladar a que daquela se chamaba Casa da Cultura, a sede da Penzol, foito dun convenio argallado por don Francisco quen conseguiu que o Concello cedera o uso do os espazos necesarios e tamén o persoal. Acórdome que falounos da figura de Fermín Penzol, da historia da súa biblioteca, dos fondos, do que teríamos que facer e que teríamos que falar en galego.”
Marián Vidal compartiu con Del Riego case 25 anos na Penzol. “Aquel primeiro día pareceume un pouco distante ao principio. Pero a medida que ía falando da biblioteca, de Fermín Penzol, íase entusiasmando cada vez mais. Aquela distancia desapareceu rapidamente”. Destaca a súa capacidade de traballo. “Era un home incansable, moi traballador, metódico e ordenado. Ao principio viña polas tardes, porque polas mañás traballaba aínda en Artes Gráficas Galicia. Logo xa estaba aquí mañá e tarde, todos os días. Polas tardes chegaba despois de comer, fumaba o seu charuto e amosábase moito máis falador. Era cando contaba anécdotas, rememoraba as súas vivencias”. Marián Vidal destaca de Del Riego “a coherencia entre o que pensaba e o seus actos. Un home bo e xeneroso, cordial, malia que impoñía moito respecto. Odiaba á xente servil, aduladora, tiña un xenio explosivo, sobre todo fronte a ineptitude. Pero era un home afable e moi querido”. Nese sentido, a directora técnica da Fundación Penzol lembra o importante papel de mediador que Francisco Fernández del Riego xogou nos conflitos laborais da década de 1970 en empresas como Citroën e Indugasa, e gozaba do aprecio e respecto tanto da parte empresarial como da sindical. “Eu admirábao moito porque era un home de ideais, altruísta, como o demostrou coa doazón da súa colección de arte, especialmente importante en arte galega contemporánea, da súa biblioteca que complementa moi ben a da Penzol, pero sobre todo o seu arquivo que inclúe unha abondosa correspondencia con numerosas personalidades, non so galegas, e os documentos do galeguismo de antes da guerra que logrou agochar nunha maleta de hule. Un home que demostrou o que se pode chegar a facer cando a unha gran intelixencia ven acompañada dun corazón bó e xeneroso”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SELECCIÓN MUSICAL
La playlist de... Winter Blues Band
GRUPO MUSICAL
Blues Fait en Francia
LA PORTADA DE LA REVISTA
Laura Portas: Los secretos de Mondariz
Lo último