Luz, máis luz

O poeta Miguel Anxo Fernán Vello gañou en 2015 o Premio de Poesía Afundación co libro “Duración da penumbra”, un poemario no que o autor aposta polo dominio das formas e trascende o seu propio ser

Publicado: 07 ene 2022 - 03:57 Actualizado: 07 ene 2022 - 03:58
2022010703550322742
2022010703550322742

Poucos poetas, galegos ou non, quen de transmitir luminosidade como Miguel Anxo Fernán Vello. De quien leo, na lapela da súa última entrega (en puridade reedición dun libro xa publicado en 2016, premio que fora de Afundación) que foi finalista do Premio Nacional de Literatura, tamén do de Poesía, en tres ocasións. Os galardóns, ben o dixera Cervantes, eterno perxudicado neles, adoitan ser arbitrarios. Ora, se hai un poeta en lingua galega merecente do Nacional trátase deste poeta de Cospeito, chamado Fernán Vello.

Así e todo importa pouco, a poesía, a de verdade (entre os cincocentos poetas galegos éditos, e aínda premiados, hai moito fraude), admite voltas e reviravoltas, e Miguel Anxo segue no eterno retorno dos estoicos. Porque, a maiores, a súa poesía proxecta un aquel cheo de estoicismo. O que sabe, ademais, que esta chega onde non dá chegado a filosofía, e soamente pode ser adiantada pola música. E por certo que en Duración da penumbra, libro reeditado por Espiral Maior, en edición limitada, hai esa música implícita que é o selo da casa Fernán Vello.

Un poeta “flaneur” que acada inspiración nos seus percorridos urbanos, onde mesmo bate con deportistas de paseo beiramar ou simples transeúntes (que ben poden ser el mesmo, autorretratado en “selfportrait”, elíptico). Porque os poemas de verdade, no país dos cincocentos poetas éditos hai ferranchina a esgalla, lebres que mían, e iloxicidades merecentes de mocazos a mancheas, precisan un vóo ceibe cal o que poeta de Cospeito, lagoa incluida, presente tamén neste libro, que ten moito de manual de instruccións para que haxa luz, moita máis luz, outorga aos seus.

Por iso este libro, composto por poemas dunha certa lonxitude, ten a luminosidade que soamente pode conceder o ceo máis limpo. Por iso tamén este libro, que logo de cinco anos segue a ter a frescura estoica, que non escéptica, que xa tivera no primeiro momento. E que confirmara a Miguel Anxo como un poeta senlleiro, isto é radical en senso lato, tamén porque non desbota a temática “engagée” e, aínda, “enragée”. E se non se deixa ver ese Premio Nacional, peor para o citado, e lembremos de novo a Cervantes, tan Miguel e tan Anxo cal este poeta de Cospeito (Terra Chá, Lugo).

TÍTULO:DURACIÓN DA PENUMBRA| AUTOR:MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO| EDITORIAL:ESPIRAL MAIOR| PRECIO:18 EUROS

Contenido patrocinado

stats