SELECCIÓN MUSICAL
La playlist de... Mohama Saz
O TESOURO DO RURAL
“A Arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega”. É o título da obra coa que Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) gañou o premio Ramón Piñeiro de ensaio. No seu traballo que aborda polo miúdo o fenómeno da lonxevidade nunha ampla franxa territorial do rural galego, nomeadamente, as provincias de Ourense e Lugo.
Roberto Fernández é médico, exerce a medicina de atención primaria en Allariz e cultiva coa mesma paixón a literatura, xa sexa de creación ou ensaística, como o acreditan os premios recibidos anteriormente: o Vicente Risco de Ciencias Sociais polo ensaio “Enfermos pobres, médicos tristes” e o Blanco Amor de novela por “A inmoral doutora Cons”. A súa visión humanista da Medicina está arraigada nunha histórica e longa lista de médicos escritores que van dende figuras como os rusos Chejov e Bulgákov, os españois Pío Baroja e Luis Martín-Santos a galegos como García Sabell e Castelao.
Pregunta. O ámbito rural está presente nas tres obras que ten publicadas até agora.
Respuesta. Si. A primeira é un ensaio sobre a historia da medicina rural. A novela ten como protagonista a unha médica rural e o terceiro trata de algo diferente que é a lonxevidade, que é un fenómeno que se desenvolve especialmente no medio rural. É un fenómeno máis rural que urbano.
P. Quere dicir que a vida rural é moito máis saudable? Malia que a xente prefire vivir nun ámbito urbano.
R. E que, por un lado van as consideracións sobre a saúde e por outro as ambicións e preferencias persoais. O que si é certo é que no tempo da xeración lonxeva como lle chamo eu o ámbito que favorecía ese fenómeno da duración da vida era o rural.
P. A que factores atribúe vostede esa lonxevidade?
R. Hai factores que son comúns en todas as zonas de alta lonxevidade do mundo como é o tipo de dieta, a actividade física, o patrón de sono... pero tamén hai factores que son propios da cultura galega, que son os de máis peculiaridade ou especificidade na nosa poboación. Son factores culturais como a laboriosidade que eu chamo laborexia, porque é unha laboriosidade moi intensa, que é o factor central, porque hai outros como a organización do traballo, a organización do sono, que a xente sexa máis metódica e que en consecuencia non teñan hábitos nocivos porque a xente consideraba que ían en contra da produtividade, e a alta resiliencia como unha maneira de adaptación ante as adversidades e de recuperación despois desas adversidades.
P. Por exemplo?
R. A recuperación despois de situacións difíciles é moi galega porque a sociedade galega atravesou moitas situacións adversas, como a pobreza, a emigración, a morte infantil, a morte prematura de familiares, a maiores dunhas prácticas de sensibilización con respecto á morte moi típicas da nosa cultura, que vivimos a carón da morte como si a morte fose algo natural dentro da vida. Convivimos de sempre coa morte, dos nosos familiares, dos veciños, as cerimonias de acompañamento, que son formas de ir asumindo que é algo que vainos suceder a nós. É unha forma de cultivar unha resiliencia fronte ao fenómeno que xenera máis angustia.
P. Cal é a xeración lonxeva?
R. Por marcar un limiar, son os nacidos na primeira metade do século XX, que manifestaron unha resistencia a moitas enfermidades infecciosas, sufrindo unha especie de selección natural.
P. É a xeración anterior á penicilina?
R. En parte si. É anterior ao uso masivo dos antibióticos, pero tamén antes da aplicación doutras medidas, como a evolución da hixiene na sociedade, o parto hospitalario... a morte infantil formaba parte da cotidianeidade desa xeración e esa foi unha presión selectiva que pasaron os que tiñan un sistema inmune máis preparado, máis resistente. Esta é unha parte da ecuación. A outra é que cando chegaron a maiores desfrutaron dun sistema sanitario de calidade e universal, como o que temos hoxe, que é moi importante non perder porque sen esas prestacións actuais na sanidade pública non sería posible o fenómeno da centenariedade en Galicia. Ou sería moito menor.
P. Teremos a mesma sorte os que formamos parte das seguintes xeracións?
R. Esa é a pregunta do millón, se as seguintes xeracións chegarán a ser centenarias.
P. Non sufrimos esa presión selectiva que viviron eles.
R. Certo. Pero fumos criados en mellores condicións e iso, está probado, xenera unha lonxevidade máis saudable, porque hai menos demencia naquelas persoas que non sufriron pobreza infantil, por exemplo.
P. E somos herdeiros da súa xenética, non si? Algo gañaremos.
R. A xenética ten un peso importante pero non determinante, de arredor dun trinta por cento, na centenariedade. Pero logo está a epixenética que son aqueles factores ambientais, dependentes do comportamento das persoas que favorecen ou prexudican á xenética. No caso da nosa cultura favoreceron a súa xenética e o transmitiron tamén á proxenie. Nós somos fillos dunha xeración que tiña unha xenética e unha epixenética moi favorables. Outra cousa é que os nosos hábitos, a nosa epixenética sexa tan favorable.
P. No seu ensaio fala do polígono da lonxevidade como o territorio natural desa xeración de centenarios e mulleres e homes tan lonxevos. Cal é o seu espazo físico?
R. Colle, principalmente, bisbarras de Ourense, da zona interior de Lugo e algunhas de Pontevedra e practicamente están todas comunicadas por iso chamámoslle polígono, ou corredor, e son de interior, alternando montaña en ribeira. Unha das que posúe máis alta densidade de centenarios é a bisbarra de Caldelas, pero tamén están Allariz, A Limia, O Ribeiro, Trives, e conecta coas de Monforte en Chantada en Lugo e a Paradanta en Pontevedra.
P. Tamén coincide cos territorios coa poboación máis envellecida.
R. Pero non é pola súa causa. A xente desta xeración, na medida que pode, segue vivindo no rural, nas súas casas, o cal é marabilloso, pero como no rural non hai emprego para a xente nova, a xente nova vaise e prodúcese unha pirámide demográfica, practicamente amputada na parte da xuventude, sobre todo nos menores de vinte anos. A parte da xente nova desaparece na pirámide de poboación e hai que adecuar os sistemas de atención aos maiores. E aínda que é xente dura adoita ser pluripatolóxica con varias enfermidades e moitos tratamentos e como pacientes son complexos.
P. Ten algún novo proxecto?
R. Sempre estou facendo algo de creación, sexa ensaística o literaria. A Medicina e a literatura son as miñas dúas paixóns, unha e outra pesan por igual en min.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SELECCIÓN MUSICAL
La playlist de... Mohama Saz
GRAN EXPECTATIVA
Mohama Saz + Ourense
SU PROYECTO PERSONAL
David Rodríguez, la cocina como acto cultural
SELECCIÓN MUSICAL
A playlist de... Familia Caamagno