Tres ourensáns á fronte dos Mestre Mateo
Marta Alonso, Manuel Cortés e Carlota Mosquera tomaron os mandos da XXIII gala dos premios da Academia galega do audiovisual
A gala dos Premios Mestre Mateo cumpre este ano a súa vixésimo terceira edición. En dúas ocasións foron celebrados no Auditorio Municipal de Ourense e malia que este ano teñen como escenario o Lalín Arena da capital do Deza, o seu desenvolvemento conta cun marcado acento ourensán. Tanto a dirección como o guión da gala son obra de tres ourensáns, figuras das artes escénicas e do audiovisual. Marta Alonso Tejada (Ourense, 1983) ocúpase da dirección artística da gala da que son autores do guión Carlota Mosquera Rodríguez (Ourense, 1992) e Manuel Cortés Tallón (Vilardevós, 1966).
Marta Alonso
A vocación artística de Marta Alonso naceu, como ela, en Ourense, onde iniciou a súa formación en danza a partires dos tres anos de idade, unha formación que logo iría completando con estudios que desenvolvería como bailarina e profesora de ballet clásico, master en Artes Escénicas e unha licenciatura en Psicoloxía entre os máis salientables. Actriz, coreógrafa, bailarina, directora escénica e xestora cultural, dirixe a súa propia compañía coa que produce os seus propios espectáculos. Con “Bailar Agora” colleitou tres premios María Casares, á mellor actriz, mellor dirección e mellor iluminación.
A danza como impulso, como forma de vida é o concepto a partires do que Marta Alonso deseñou o desenvolvemento da gala. “A partires do desexo de compartir o movemento, do contaxio por bailar. Penso na gala como unha festa, un akelarre moderno que ten ese desexo de compartir danza e recoñecendo nun mesmo ese sentido primixenio que ten, porque mover o corpo, bailar é algo instintivo”, explica Marta. Para desenvolvelo conta coa colaboración de parte do seu equipo artístico en espectáculos como “Bailar agora”. “Laura Iturralde está na gala facendo o espazo escénico e dirección de arte, Uxía Vaello ocúpase do vestiario”.
Marta Alonso salienta a complexidade dunha de tan longa duración e na que interveñen non so os factores artísticos e creativos, tamén os técnicos e os que están máis relacionados coa súa emisión en directo a través da TVG, o que obriga a contar cun amplo equipo. “A verdade é que me sinto moi arroupada polo equipo. Na parte artística están os seis bailaríns, entre os cales hai dous coreógrafos, a presentadora, Tete Delgado, Baiuca, que forma parte coa súa música en directo, a directora de arte, vídeo e espazo escénico e a sección de vestiario. E por suposto, os guionistas, Carlota en Manuel, que son quen de converter todas esas ideas en algo materializable. Logo xa está a dirección e realización da parte televisiva e o que se refire á produción e demais aspectos que están baixo a tutela da Academia Galega do Audiovisual”.
Ao tempo que traballaba previamente na dirección artística da gala dos Mestre Mateo, Marta Alonso estaba dándolle os últimos toques a “Dance joint”, un espectáculo que estreará a vindeira semana en Ames e que logo levará de xira por España. Simultaneamente inicia a xira por Galicia de “Sofá” unha produción da súa compañía, estreada en 2022.
Carlota Mosquera
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago, Carlota Mosquera orientou a súa formación cara a interpretación e a escena. Primeiro, con posgrados de iniciación e perfeccionamento á dobraxe, logo, estudando interpretación na Escola de Arte Dramático de Galicia (ESAD). “A miña actividade profesional desenvólvese tanto diante como detrás dunha cámara. Empecei sendo fotógrafa artística en festivais de artes vivas, danza e movemento e logo xa fun encamiñándome como actriz e improvisadora que é actualmente a miña ocupación principal. Teño unha compañía que se chama Colectivo do Flow que é un proxecto de vida para min”
Malia que abrangue un amplo abano de actividades que van dende a fotografía a actriz de dobraxe, Carlota considera a improvisación teatral como o seu espazo natural, no que se sinte máis a gusto. “A improvisación é unha actividade que florece cada vez máis. Pasamos de estar relegados aos bares a ter noso espazo nos teatros. E como improvisadora o que sucede é que ti es actriz, guionista e directora ao mesmo tempo. De feito, a miña experiencia como guionista dáse na escena, cos oito anos que levo xa de improvisación teatral”, explica Carlota Mosquera.
Confesa que se sentiu moi a gusto traballando con Manuel Cortés, que ten tras de si unha enorme experiencia “ten moitas horas de voo escribindo guións, e resulta marabilloso traballar con el, plasmar ideas en papel, ver como engrenan unhas con outras, sempre coa mirada atenta de Marta que ten as ideas moi claras e sempre traballa dende un punto de vista moi divertido. A verdade que esta experiencia resulta moi gratificante”.
No que atinxe ao guión, Carlota recoñece que os principais obxectivos que se marcaron na súa concepción e redacción foron “crear unha gala áxil e divertida, o que supón que despois de ter escrito o guión con todos os elementos, ideas e mensaxes que queríamos incluír, tocoulle logo a Manuel meter as tesoiras, de xeito que as intervencións de Teté sexan tan breves e áxiles posibles sen perder a mensaxe que queremos que transmitan en cada momento para que non se eternice a gala, porque, ten en conta, que o que falan os premiados non forma parte do guion pero si fai que se estenda o seu tempo de duración”.
Considera Carlota que o guión dunha gala é o que máis se parece aos guións das improvisacións, “porque hai moita emoción e moita espontaneidade, malia que todo estea medido ao milímetro. E hai moita emoción porque o audiovisual é un oficio moi duro, cun punto de resistencia e precariedade moi grande que fai que facer estes premios sexa un xeito de tomar folgos, de celebrar o traballo que se fai que é moi duro e as veces moi heroico”.
Manuel Cortes
Manuel Cortés ten unha longuísima carreira tanto na escena teatral como en cine e televisión, entre as que cómpre salientar o seu papel protagonista en “As leis de Celavella”. Nado en Vilardevós, viviu dende os seis anos en Tamallancos, estudou en Ourense ate que foi a Coruña para facer a carreira de filoloxía hispánica. Na década de 1980 formou parte do colectivo poético Ronseltz 1980 e iniciou a súa traxectoria como actor en 1992 na compañía compostelá Chévere, na que tamén desenvolvería unha destacada faceta como autor teatral.
Ademais da serie antes citada, Cortés participou en máis dunha trintena de produccións audiovisuais, tanto en Galicia como fóra, como por exemplo “El tiempo entre costuras”, “El ministerio del Tiempo” e “Carlos, rey emperador”.
A escrita é unha actividade constante en el: tradutor, poeta, letrista de cancións, guionista... Á pregunta de como se fai o guión dunha gala como a dos Premios Mestre Mateo, Manuel Cortés o ten claro. “Nunha gala de entrega de premios consiste basicamente en darlle continuidade aos premios, neste caso hai vinte e cinco categorías o que significa que hai vinte e cinco persoas ou producións premiadas, suben ao escenario, dan un discurso e baixan, que é o groso da gala. No medio hai, neste caso unha presentadora que lle vai dando continuidade e un tema sobre o que xira normalmente a gala. Neste caso como o tema vai sobre a danza e o movemento, unha decisión acertadísima de Marta Alonso, a partires das propias coreografías, a posta en escena e a iluminación, para os ocos que quedan escribímoslle o guión a Teté Delgado para que manteña viva a chama da comedia que en realidade é o que se busca sempre, que a presentadora ou presentador teña intervencións cómicas e distendidas para que a xente o pase todo o ben que se pode pasar nunhas galas que, normalmente soen ser longuísimas inevitablemente”.
A maiores do guión meramente técnico da orde en que se desenvolve todo o espectáculo, a parte esencial céntrase, tal como conta Manuel, nos textos que escriben para a presentadora. “Os guionistas, que neste caso somos Carlota e máis eu temos que estar máis atentos e finos nos números que hai entre os premios, sobre si vai longo, curto, se é demasiado serio ou demasiado cómico. Aí é tamén onde vai o estilo dos guionistas, que se pode entrever en como bota man das cualidades innatas da presentadora que con Teté é facilísimo porque ten unha vis comica, unha presencia y unha versatilidade enormes porque canta, baila e defende a comedia”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SELECCIÓN MUSICAL
La playlist de... Winter Blues Band
GRUPO MUSICAL
Blues Fait en Francia
LA PORTADA DE LA REVISTA
Laura Portas: Los secretos de Mondariz
Lo último
VÍAS DE NEGOCIO
El Campus de Ourense impulsa al alumnado a emprender
TERCERA FEDERACIÓN
Sidi, jugador del CD Barco: “Ahora somos un bloque”
FUTBOL SALA FEMENINO
Melli, jugadora del Ourense Ontime: “Somos ambiciosas”