A EDICIÓN MÁIS AMBICIOSA
A mocidade revive a tradición galega no Ponte Farruca
A.C. enLAZAdos
Laza prepárase para acoller a quinta edición da romaría Ponte Farruca, un evento organizado pola asociación cultural enLAZAdos que xa se consolidou como un referente indispensable para a visibilidade LGTBI e a igualdade de xénero no rural galego. Tras o amargo sabor do ano pasado, cando a terrible vaga de lumes forestais que asolou a comarca obrigou a adiar a gran cita a finais de outubro e reducila a unha soa xornada liderada polas Tanxugueiras, a organización volve este verán retomando o formato grande. Dende este venres 28 ata o domingo 30, a vila converterase de novo no epicentro da diversidade, combinando a esencia da tradición galega coa transgresión e a modernidade.
A programación arrancará o venres coas propostas musicais do grupo catalán Svetlana, do cualedrés Varios Santos e do verinense Pappaquino, ou os ritmos que traerán Xacquie Xeras e Saba Bien no seu peculiar DJ show. Esa mesma xornada inicial haberá tamén espazo para o entretemento máis irreverente grazas ao Bingo Drag que conducirá Ariel Rec e á sección da Ponte Farruquiña.
O sábado, día grande do festival, Laza amencerá tomada polo folclore, as tradicionais batas da Farruca e un sinfín de propostas lúdicas. Os asistentes poderán gozar dende ben cedo dunha feira de artesanía e agricultura, unha ruta de coches clásicos e a xa mítica tractorada engalanada polas rúas da vila. Ademais, haberá xogos tradicionais, un obradoiro de estampación, clases de cantos de taberna e o exitoso espazo de citas rápidas Farruca Dates. No eido gastronómico terá lugar un xantar popular con churrasco e pulpo, e tamén haberá “food trucks” con diversas opcións e ata un cortador de xamón.
No apartado musical, a noite contará con nomes como Xosé Lois Romero e Aliboria, A Requinta de Lampai, o artista pucelano Dulzaro, os lusos Largo da Cumbia e Duendeneta Dilleis, que porán a banda sonora á celebración.
Para pechar a fin de semana, o domingo manterase viva a chama cultural da bisbarra da man de Radio Barraka, unha sesión de cinema rural e un obradoiro de baile que servirá de colofón a tres xornadas de orgullo e reivindicación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
A EDICIÓN MÁIS AMBICIOSA
A mocidade revive a tradición galega no Ponte Farruca
PATRIMONIO CULTURAL
Laza afondará na Morena, figura clave do seu Entroido, cunha charla monográfica