O sobrevivinte aéreo, José María Vallejo

Nacido na parroquia de San Pedro de Triós (Pereiro de Aguiar), no ano 1909, que ós once anos ingresou no convento de Sarria para pasar logo ó de Poio, onde cursou Filosofía e Teoloxía e foi ordenado presbítero en 1931.

2024120307362052319
2024120307362052319
Aínda que a noticia de hai unha semana sobre a caída dun avión de cargo preto de Vilna (Lituania), que se saldou co falecemento dun piloto español, ten pasado desapercibida debido á voráxine informativa que nos ofusca, a min provocoume devolver (por contraposición) á actualidade a este ourensán que ó regresar de Cuba, en febreiro de 1947, decidiu non subir ó “Ruta de Colón” na escala técnica de Lisboa e acabou sendo o único sobrevivinte do impacto que o aeroplano sufriu contra un pico da Serra de Gredos.

O mes de febreiro de 1947 comezaba xélido, como era habitual, nos cumios máis elevados da Serra de Gredos, cousa que non arredou ó piloto do pioneiro cuatrimotor “La Ruta de Colón” (un “skymaster” propiedade de “Aerolíneas Internacionales Cubanas”, a dicir da prensa do momento), que levaba dous meses cubrindo unha pioneira viaxe regular entre A Habana e Madrid coa posibilidade de transportar a 40 persoas entre pasaxeiros e tripulación, a través do itinerario trazado polas Bermudas, Azores e Lisboa.

Logo de chegar sen novidade ó aeroporto de Sacavem e de facer as comprobacións técnicas de rigor e darlle un descanso a pasaxeiros e tripulación, arredor das dúas e media da tarde do día 6 abandonou o chan lisboeta co obxectivo de aterrar arredor das cinco no aeroporto de Barajas, onde estaba prevista unha recepción especial, dado que coa viaxe de regreso poríase en funcionamento o devecido servizo de correo aéreo entre Madrid e A Habana.

Sen embargo, minutos antes da hora prevista para realizar as manobras de aproximación ó aeródromo madrileño, a torre de control perdeu todo contacto coa aeronave, comezando a crecer a preocupación en tódolos sectores relacionados coa aviación civil, así como coas institucións de un e outro lado do océano, que comezaron de contado a mobilizar tódolos fíos posibles para tratar de saber que acontecera co simbólico avión e, polo tanto, coas persoas que viaxaban nel.

Nun principio, malia que a península fora atravesada por unha serie de ventos racheados no día anterior, nada facía sospeitar que esa fose a causa dun posible accidente, posto que, con pouco tempo de diferencia, outro avión da compañía holandesa KLM fixera o mesmo traxecto entre Lisboa e Madrid e aterrara en Barajas á hora prevista e sen ningún incidente.

Loxicamente, os medios de comunicación non se fixeron agardar e ó día seguinte tódalas primeiras páxinas de xornais locais e nacionais reproduciron a noticia de que “el avión ‘Ruta de Colón’ se ha incendiado en la Sierra de Gredos”, ampliando como información de alcance que pereceran tódolos seus ocupantes, se ben algúns incluíron como nota final de complemento que “el español José Vallejo Álvarez había abandonado el avión en Lisboa”.

Desveladas as primeiras hipóteses das causas do accidente -un desvío cara o norte da ruta, ó confundir o piloto o val do río Tietar co do río Alberche, que levou a encarar un outeiro inesperado da serra (denominado curiosamente “Pico del Fraile”) de 1.800 metros de altitude e que non logrou superar por tan só 10 metros- e os pormenores do rescate, os focos informativos comezaron a procurar datos sobre a persoa que salvara a vida ó non montar no avión en Lisboa.

Isto, ata que, días despois, algúns xornais incluíron nas súas páxinas un titular que informaba de que “El único superviviente del ‘Ruta de Colón’ es orensano”, ampliando ademais -dun xeito un tanto sensacionalista- que “ha sufrido ya tres accidentes ferroviarios y fue dado por muerto en otro accidente de aviación” no que polo visto viaxaba unha persoa co seu mesmo nome e apelidos.

A partir de aquí, os lóxicos axustes informativos concluíron en que se trataba de José María Vallejo Álvarez, un monxe mercedario de 38 anos de idade que regresaba dunha visita por diversos conventos do outro lado do Atlántico e que unha hora antes de embarcar para Madrid, decidira quedar uns días no convento de Lisboa.

A biblioteca de Rey Soto, Vasco Díaz Tanco e os mosaicos do checo Machourek, en Poio

Quen era este tal José María Vallejo? Foi, obviamente, a pregunta que me asaltou despois de ter sabido da súa condición de freire mercedario e de ter saciado a razón da súa inclusión entre a pasaxe do avión malogrado (ironías do destino!) no “Pico del Fraile”.

A primeira resposta atópoa nunha breve entrada da Enciclopedia Gallega, na que aparecen datos sobre a súa condición de ourensán nacido na parroquia de San Pedro de Triós (Pereiro de Aguiar), no ano 1909, que ós once anos ingresou no convento de Sarria para pasar logo ó de Poio, onde cursou Filosofía e Teoloxía e foi ordenado presbítero en 1931.

Declarado calvosotelista de convicción, en 1942 foi nomeado “provincial de la orden de la Merced de Castilla”, cargo que probablemente foi o que lle motivou a viaxe a Cuba, pero que non lle fixo abandonar nunca o contacto co mosteiro de Poio, ó que regresou como comendador e bibliotecario, función esta que debeu exercer ata os derradeiros días, non en van en 1974 Vázquez indica na súa entrada da enciclopedia que é “actualmente director de la biblioteca del monasterio de Poio”.

Baixo esa condición e froito da vella amizade mantida co crego tamén ourensán Antonio Rey Soto, xestiona con el o traslado da súa riquísima biblioteca para Poio, lugar onde se conserva hoxe en día para lamento do patrimonio bibliográfico ourensán.

O documento de entrega da colección de Rey Soto a Poio, en 1958, publicouno Alonso Montero nun traballo dedicado a “Dous grandes bibliófilos do S. XX: Antonio Rey Soto e Fermín Penzol”.

Nel ofrécense algúns datos singulares, coma o interese de Rey Soto de que a biblioteca leve o nome de Vasco Díaz Tanco, un singular “racionero, impresor y escritor” extremeño da época de Carlos V, que foi, xunto con Cervantes, “uno de los literatos españoles que cayeron en manos de los piratas africanos” e que acabou residindo en Ourense onde publicou “el primer libro in folio que se ha impreso en la ciudad”.

Pero, o legado de José María Vallejo, sobre todo no mosteiro de Poio, vai moito máis alá e pode exemplarizarse na colección de mosaicos promovidos polo artista checo Antonio Machourek, elaborados a partir da creación da Escola de Mosaicos, con Vallejo como comendador do cenobio.

Contenido patrocinado

stats