LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Óscar Ibáñez, gaiteiro: “A etiqueta ‘celta’ universalizou a música galega e puxo a nosa cultura no mapa”

ENTREVISTA

O gaiteiro e frautista galego Óscar Ibáñez ten unha longa traxectoria musical na que fusionou tradición e vangarda, creando un estilo propio de música atlántica, entre a investigación e a creación

O gaiteiro e frautista Óscar Ibáñez.
O gaiteiro e frautista Óscar Ibáñez. | Merchy Gómez

Neste 2025, Óscar Ibáñez (Portosanto, Poio, 1976) celebra o 20º aniversario da súa banda en directo, Óscar Ibáñez & Tribo, que este sábado ofrecerá un concerto de balde do seu espectáculo “Tribal” na alameda de Albarellos, no concello de Monterrei, ás 22,30 horas.

Esta actuación, na que intervirán membros da banda de gaitas Nova Era de Verín, conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Pregunta.Que aprendeu nestas décadas sobre a música galega e a súa conexión co resto do mundo?

Respuesta.Que ningunha cultura é absolutamente pura, senón produto da mestizaxe, do contacto e do intercambio. Un exemplo: a Muiñeira de Monterrei, tan coñecida, atopámola no repertorio de gaiteiros cataláns como “El Correbou (o La Gaita Gallega)”. Ocorre o mesmo coas músicas “de ida e volta”, entre Galicia e América, sobre todo coa emigración, pero tamén dende o Descubrimento. É certo que a música galega ten as súas expresións artísticas propias, pero nelas atopamos tamén elementos comúns a outras latitudes. Hai moitas máis cousas que nos unen que as que nos diferencian.

P.Que supón cumprir 20 anos coa súa banda, Tribo?

R.Manter un proxecto vivo no tempo non é nada doado e, chegados aquí, tocaba celebrar o noso traballo. Rexeito tódalas etiquetas, pero dentro das músicas minoritarias temos un público fiel que nos axuda a manter esa traxectoria. Nas músicas comerciais, se non estás na crista da onda, corres o risco de desaparecer con rapidez. Tamén quero poñer de relevo que defendemos a nosa música nos escenarios. Son consciente de que nos atopamos nun momento que leva á música tradicional cara a electrónica, algo que me parece estupendo. Pero nós apostamos por unha proposta máis acústica, 100% ao vivo e en directo.

P.Unha etiqueta que vostede non rexeita é a de facer “son celta”.

R.É unha máis das etiquetas coas que se define a nosa proposta, pero non a única. A etiqueta “celta” aportou moitísimo á música galega e penso que nunca a deberíamos empregar dunha maneira negativa. O celtismo foi un fío universalizador que nos permitiu participar nese entorno do arco atlántico, entrar nese conxunto de países. Non só para facer intercambios entre as sete nacións celtas, senón para poñer a nosa cultura no mapa e universalizar a música galega, póndoa en valor á altura de nacións históricas como Escocia e Irlanda. E tamén é unha etiqueta visible no mundo. É dicir, se tes que poñer un disco de música galega nun stand en México, se existe un caixón que pon “música celta” é o mellor dos caixóns posibles. Ao mellor se o metes en “música étnica” queda absolutamente desconfigurado. Nesta globalización, poder ter unha etiqueta que te defina cun pouco de claridade antes de escoitar o teu traballo, tanto xeografica como estilisticamente, creo que é moi positivo.

Contenido patrocinado

stats