Muíños recoñece a traxectoria do arqueólogo José María Eguileta

MEGALITISMO

José María Eguileta, arroupado por unha vintena de persoas, foi homenaxeado polos estudos arqueolóxicos feitos en Muíños

Plácido Álvarez, José María Eguileta e Lino Perdiz Álvarez.
Plácido Álvarez, José María Eguileta e Lino Perdiz Álvarez. | B.L.

Hai homenaxes que se fan polos feitos do presente, ou pola visión do futuro. Neste caso, a homenaxe que o Concello de Muíños lle fixo ao arqueólogo José María Eguileta foi pola súa ollada ao pasado, por recuperar unha parte da identidade do territorio oculta durante miles de anos.

Foron cinco anos, do 1989 ata o 1994, cando traballou en Muíños coordinando os primeiros estudos sobre o megalitismo da zona, mais a súa relación co territorio comezou moito antes. A través dos escritos de Cuevillas, Xocas e Ferro Couselo, Eguileta namorouse do territorio que logo, poucos anos despois, comezaría a recorrer con Xabier Perdiz, actor de dobraxe e compañeiro de carreira do homenaxeado.

A súa traxectoria contouna Israel León, tenente de alcalde de Muíños, quen foi o encargado de facer a presentación do acto. Nela, León destacou que Eguileta é “a unica persoa de Muíños que naceu en Pontevedra”, e que é un orgullo “contar coa súa mirada experta sobre o noso patrimonio”.

O acto celebrouse na Aula Arqueolóxica do Megalitismo, un enclave froito dos propios estudos de Eguileta. O profundo agradecemento do Concello resumiuno o alcalde, Plácido Álvarez, nunhas curtas mais sentidas verbas: “Moitas grazas amigo polo traballo e cariño, que sexas moi feliz na tua xubilación”.

Traballo en equipo

Logo foi a quenda de Lino Perdiz, ex edil de cultura e compañeiro de Eguileta durante os seus periplos polo municipio. Nun ton emotivo, Perdiz narrou diferentes anécdotas, dende os traballos en Aceredo e no embalse de Lindoso, os recorridos pola serra de Leboreiro e mesmo cando uns veciños pensaron que foran eles quen roubaran uns restos que desapareceran: “Foi unha experiencia inesquecible”.

Así, Perdiz si quixo facer fincapé nun detalle “que me quedou gravado para sempre”: “A ilusión e a disciplina que nos inculcou aos que traballamos con el. Por moita festa que fixésemos, el sempre era o primeiro en estar no burato ao día seguinte”.

“É un veciño máis da comarca, iso por descontado”, afirmou, confesando que “coñéceo todo o mundo”. Deste xeito, Perdiz pechou a súa intervención afirmando que “a homenaxe máis grande que lle podemos facer, é manter isto”, referíndose ao espazo.

Jose María Eguileta comezou confesando que os traballos realizados no Concello foron o berce da súa carreira profesional. Entre moitas anécdotas e historias, Eguileta afirmou que “o tempo para estos estudos é limitado, e era tanto o traballo de campo que ata o facíamos sin contrato”. Durante o seu percorrido en verbas, Eguileta mencionou a tódolos compañeiros cos que compartiu horas de traballo.

Malia que non se quixo estender moito, sí quixo facer dúas reflexións. “Estiven en Santiago logo de facer a tese nun grupo de investigación sobre o megalitismo, e dende o Atlántico ata Verín o sitio onde hai máis é en Muíños”, falou, “e isto é solo porque houbo xente que os buscou e catalogou. Para min é todo un orgullo, e, co voso permiso, gústame dicir que xogo na casa cando estou en Muíños”.

A segunda reflexión acompañou á dedicatoria desta homenaxe. Pondo aos megalitos como exemplo, Eguileta explicou que hai máis de 4.000 anos cando se levantaban estas estruturas e agora que se estudan, o fundamental é que ambas son “un traballo en equipo”. “Eu estou aquí porque tiven a honra e a sorte de coordinar un gran equipo. Logo de mencionalos, Eguileta afirmou que “están detrás de min acompañándome sempre”.

Contenido patrocinado

stats