EXCESO DE POBLACIÓN
Carballiño reabre el debate sobre el control de palomas
ESCULTURA DE CATRO METROS
A Insua dos Poetas, un espazo vivo e en contacto permanente coa natureza ubicado en Esgueva, na parroquia carballiñesa de Madarnás, continúa a ser un refuxio da galeguidade a través do seu diálogo continuo coa lingua e a arte do noso país.
Dende a súa concepción hai case dúas décadas, e co inicio no 2009 da Festa da Palabra, este espazo cultural ideado por Luis González Tosar medra cada ano coa incorporación de novas esculturas dedicadas a figuras senlleiras das letras galegas, obra de reputados artistas da terra.
Desta vez o homenaxeado foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950), galego universal e membro da Xeración Nós, autor do “Sempre en Galiza” e precursor do Estatuto de Autonomía e do autogoberno e un dos pais do nacionalismo galego. A figura “máis sobranceira do século XX en Galicia”, segundo salientou Tosar este sábado, coincidindo co Ano Castelao, declarado pola Xunta no 75 aniversario do seu pasamento.
Porén, a mañá reivindicou a súa personalidade poliédrica e as súas múltiples facetas como escritor, artista, médico e político republicano, entre moitas outras das que se falaron.
Ademais tamén se tenderon pontes coa Galicia austral onde faleceu, forzado ao exilio trala Guerra Civil, e durante o que recibiu un grande apoio por parte do colectivo de ourensáns emigrados.
O acto culminou coa inmortalización de Castelao na Insua, grazas a unha obra escultórica de Antón Pulido. Baixo o nome “A porta de Castelao”, trátase dunha impresionante peza de catro metros de alto, realizada en ferro e pedra.
Antes de desvelar a escultura, tomou a palabra o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, que leu un discurso de Castelao e destacou o seu vínculo coa nosa provincia, asegurando que “a partir de hoxe estará un pouco máis agradecido aos ourensáns”.
A continuación falou o escultor, quen afirmou que a súa obra arranca no camiño que vai dar a ela, que remata nunha “porta” na que agarda “Castelao, unha presenza que transforma unha imaxe xeral en algo profundamente galego e culturalmente relevante”. A súa figura na escultura é precisamente “unha das súas autocaricaturas en linóleo, testemuño profundo da súa identidade”, revelou Antón Pulido.
Por último foi o turno de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega e estudoso da figura de Castelao, “quen fixo un esforzo extraordinario por definir e reivindicar a Galicia como nación europea e con proxección americana”.
O académico tamén subliñou a reivindicación que o intelectual fixo da lingua, e asegurou que esta “é froito do xenio do noso pobo mantido durante xeracións pola xente humilde”.
Con anterioridade ao desvelamento da escultura, a Fundación Insua dos Poetas fixo entrega de sete premios, “o número máxico da Insua”, en forma de esculturas únicas de Acisclo Manzano a distintas persoas, colectivos e entidades recoñecidas pola súa contribución a prol da fala galega.
Así, César Lorenzo acadou o premio literario; María Xosé Porteiro, polo emprego do galego nos medios de comunicación; a Editorial Galaxia, pola defensa e impulso da cultura propia; o Cineclube Padre Feijóo, polo audiovisual en galego; a Irmandade da Sanidade Galega, pola galeguización da Sanidade; o CEIP Curros Enríquez de Celanova, pola protección da natureza, e Ramón Aguiño, pola cultura galega na emigración.
Os discursos dos premiados contaron coa amenización musical, antes e despois, do grupo de música tradicional Tres Pesos, que se sumaron o son dos gaiteiros da Coral da Ruada, presentes no acto posterior.
Unha das intervencións máis louvadas foi a de Sara Antía Fernández Nogueiras, alumna do IES Otero Pedrayo, quen pronunciou un discurso ben documentado sobre o labor como médico de Castelao, e dixo que a súa escultura tiña un “aceno retranqueiro”.
A xornada contou cunha nutrida presenza institucional, co presidente do Parlamento á cabeza, Miguel Santalices; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o delegado territorial, Manuel Pardo; o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde en funcións do Carballiño, Xosé Castro, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EXCESO DE POBLACIÓN
Carballiño reabre el debate sobre el control de palomas
"DONDE DUELE, BROTA"
Florecer en lírica y escena en O Carballiño
Lo último
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios
INVESTIGACIÓN JUVENIL
Vídeo | Cuatro adolescentes de Nigrán investigados por agredir y humillar a un menor