Francisco Fumega: “Quedan cousas por facer e teño moita forza para seguir traballando”

ENTREVISTA

Francisco Fumega tivo que acollerse a unha baixa médica para facer fronte a un problema de saúde por primeira vez en 10 anos de alcalde

Francisco Fumega no Carballiño.
Francisco Fumega no Carballiño. | Martiño Pinal

Por primeira vez en 10 anos de alcalde, Francisco Fumega tivo que acollerse a unha baixa médica para facer fronte a un problema de saúde que o tivo afastado do Concello durante 3 meses. Despois de pasar polo quirófano e tras o período de recuperación, esta semana pisou de novo o seu despacho na alcaldía do Carballiño, xa restablecido, recargado de enerxía e coa sensación de que, como alcalde, aínda ten moito que facer.

Pregunta. Acaba de reincorporarse despois de tres meses de baixa, como se atopa?

Respuesta. Ben, moi ben, pero tamén convencido de que a saúde é o ben máis prezado que temos, que os profesionais da sanidade que hai neste país son un luxo absoluto e que a familia é o salvoconduto imprescindible para superar avisos como o que recibín eu.

P. E como se sinte de saúde e de ánimo?

R. De saúde ben. Pelexando, sen baixar a garda nin perder a alegría e moi arroupado pola familia, sobre todo, pero tamén polas amizades e pola veciñanza deste pobo. E de ánimo tamén moi ben; feliz, con moitas gañas e moita forza para seguir traballando polo Carballiño, convencido de que quedan cousas por facer e planificar. Cando volvín a cruzar a porta do despacho da alcaldía dinme conta de novo do grandísimo honor que é ser alcalde do teu propio pobo e da enorme responsabilidade que adquires con todas as persoas que viven aquí, tanto as que te votaron como as que non.

P. A Festa do Pulpo trouxo a milleiros de persoas. Cales son os retos en materia turística?

R. Sen dubida, o feito de ter convertido a Festa do Pulpo no motor do verán carballiñés, conseguindo que dun fin de semana se estenda a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto, constitúe un logro importante e un motor económico fundamental. Esta nova realidade trae consigo novos retos de xestión, de sostibilidade, de descanso e respecto pola veciñanza, e outros moitos que é necesario abordalos, mellorando tamén as programacións e a dotación económica dunha festa de carácter internacional que permite por a imaxe do Carballiño en moitos lugares do planeta.

P. Na súa ausencia houbo polémica pola liña de evacuación do parque eólico. A oposición di que xa tiñan un pacto firmado coa empresa promotora, é así?

R. Que pacto imos ter si o que fixemos foi precisamente presentar alegacións da man dos veciños para impedir o proxecto! O convenio tipo asinado polos concellos polos que presumiblemente vai pasar a liña, promove medidas socieconómicas e ambientais nos concellos afectados dalgún xeito polos parques eólicos, e basease nunha normativa elaborada pola Xunta para favorecer os territorios afectados por este tipo de proxectos. Non conleva ningunha obriga por parte dos asinantes, sendo realmente un acordo para compartir unha porcentaxe dos beneficios xerados polo proxecto e que repercutirá en cada un dos concellos segundo as afeccións que reciba. De non asinar este acordo, o proxecto seguirá os seus tramites legais sen recibir estas medidas socioeconómicas de compensación. En canto a confidencialidade á que se refire a oposición con moita mala fe, fai referencia á lei de protección de datos que acompaña calquera proxecto público con relación aos datos das compañías que tramitan asuntos nalgunha administración, sendo totalmente públicos e sometidos a declaración de impacto ambiental e alegacións a calquera dos proxectos eólicos que se queiran desenvolver. Remato como empecei. O goberno local, conxuntamente coa veciñanza, presentamos alegacións a este proxecto. A nosa posición é inequívoca e a da oposición, demagóxica e oportunista.

P. Houbo protestas dos traballadores Concello e do servizo de emerxencias que piden negociar as súas condicións laborais entre outras demandas. Vaise a abrir a RPT para facer as modificacións?

R. O verán deixounos unha clara lección. Os incendios apáganse no inverno, cunha boa política de prevención. O que pretendemos é adicar o persoal de emerxencias a labores de prevención durante todo o ano, cunha xornada de 8 horas diarias en lugar das 24 actuais. Imos a sentarnos con eles e a buscar un acordo satisfactorio para todas as partes.

P. No ecuador do mandato, que lle queda por facer?

R. Neste momento están en marcha proxectos de gran envergadura para a construción do Carballiño do século XXI. Estase ampliando o instituto Chamoso Lamas, dando a posibilidade aos rapaces de facer ciclos formativos relacionados co metal, a soldadura e outras habilidades moi presentes no noso parque empresarial. Xa está en marcha a construción do novo centro de saúde, ou a ampliación do polígono industrial. Tamén estanse a desenvolver proxectos de mellora urbana, como a apertura de novas rúas, caso da prolongación de Faustino Santalices ou a reforma do entorno da Praza Maior, ampliación e melloras nas instalacións deportivas municipais e nas infraestruturas culturais ou as que se levarán a cabo co programa de xestión do ciclo da auga. Penso que son retos para xerar ilusión e albiscar un futuro optimista. Todo isto sintetizase nun feito excepcional no panorama socioeconómico e demográfico da provincia: O Carballiño esta a piques de alcanzar os 15.000 habitantes, pois no padrón continuo no momento actual conta con algo mais de 14.980 veciños empadroados.

P. En xullo cumpriuse un ano do pacto de goberno co PP. Cre que foi unha boa decisión e que a veciñanza foi quen de entendelo?

R. Como dixen estanse a realizar grandes proxectos e penso que o Carballiño funciona dun xeito máis que razoable. Non podemos esquecer que estabamos nunha situación de clara minoría, con 6 concelleiros dunha corporación formada por 17 e coa imposibilidade de aprobar orzamentos e nunha situación de continuo bloqueo na toma de decisións importantes para o futuro. Superar esta situación de bloqueo coido que era unha demanda do conxunto da cidadanía. Aquí todos somos veciños, sexamos do partido que sexamos, e queremos o mellor para o noso pobo. O pacto foi unha solución excepcional, pero boa en termos de xestión, para unha situación igualmente excepcional.

P. Como está funcionando o pacto? Incluía tamén un cambio na alcaldía, para cando?

R. O pacto esta funcionando dun xeito razoable, podendo sacar adiante proxectos que antes estaban bloqueados. Non teño ningunha dúbida sobre o acerto da decisión tomada no seu día, difícil, pero positiva en clave local. A partir de agora iremos paso a paso, avaliando as situacións e tomando as decisións que correspondan en cada momento e, por suposto, respectando os acordos.

P. ¿Vai ser este o seu último mandato?

R. Na miña cabeza está, pero nos proxectos colectivos as decisións nunca son, nin deben ser, individuais.

Contenido patrocinado

stats