O libro sobre a Pepa Loba de Miras Azor xa está en galego

PRESENTACIÓN

Teófilo Edicións presenta a obra nun acto no que se coñecerán as expeciencias do autor. O alcalde invita á veciñanza a esta cita literaria que terá lugar o martes, ás 20,15 horas, no Salón de Plenos

Diego Fernández, Francisco Fumega e José Luis Teófilo, onte no salón de plenos.
Diego Fernández, Francisco Fumega e José Luis Teófilo, onte no salón de plenos.

A editorial Teófilo Edicións presenta o próximo día 15 deste mes de abril no Carballiño a obra de Aurelio Miras Azor traducida ao galego: “A Mocidade de Pepa A Loba”. O acto desenvolverase no salón de plenos, ás 20,15 horas, e onte o director da editorial, José Luis Teófilo Piñeiro, acompañado do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, adiantaban esta iniciativa literaria tan importante polos vínculos coa vila tanto do autor como do personaxe da súa novela.

José Luis Teófilo manifestaba sentirse honrado do traballo realizado e destacaba o labor dos tradutores Alejandro Tovar e Isabel Soto, que enseguida accederon a realizar este traballo cando leron a novela. “Este libro xa o presentamos en Compostela e por expreso desexo agora do alcalde do Carballiño vimos aquí para honrar a figura de Aurelio Miras Azor e tamén da súa familia”, apuntaba o editor. Nese sentido, sinalaba que “vimos encantados para honrar a unha persoa que foi no seu tempo unha persoa moi activa, moi valente e moi nobre. Estamos ante un escritor da literatura galega e esa obra forma parte xa da historia da literatura”.

O alcalde invita á veciñanza a esta cita literaria que terá lugar o martes, ás 20,15 horas, no Salón de Plenos

Teófilo Piñeiro lamentaba por ese motivo que “non teñamos máis obras del para seguir traducindo e seguir editando”. O editor considera que “esta obra ten ademais unha particularidade, dado que a tapa e a contratapa está feita por un dos pintores máis prestixiosos de Galicia, Quintana Martelo, que accedeu tamén a petición de Aurelio Miras Portugal a facernos esta ilustración tan ben feita e tan atinada”

Por todo, concluía decindo que “para nós é un pracer que o alcalde nos abra as portas deste Concello do Carballiño, destas terras tan verdes como xenerosas, desta terra tan vinculada a Galicia, tan vinculada tamén a Miras Azor, que viviu as súas peripecias na súa vida por ser nobre, por dicir o que pensaba, o que sentía con esta obra, que eu penso que encabeza a literatura galega. Estamos, para min, ante un dos escritores galegos máis importantes que houbo na historia de Galicia”.

Francisco Fumega invita á veciñanza ao acto do martes porque “ten unha boa oportunidade de coñecer o Carballiño dos anos 50, o contexto histórico no que se desenvolveron as peripecias que viviu o autor e os problemas que tivo por expresarse libremente, para o que contaremos cun gran filólogo falando do libro e tamén con José Luis Teófilo”, referíndose a presenza de Gonzalo Navaza, da Real Academia Galega.

Diego Fernández consideraba que “é importante dar un paso máis no recoñecemento da obra, do legado de Aurelio Miras Azor”, destacando tamén a figura histórica e feminista do seu libro.

Contenido patrocinado

stats