Onde a palabra se fai música no eco do festival na Ínsua

MUSIC&POETRY

O evento Ínsua Music&Poetry, combinando música e poesía en galego reuniu público diverso, con actuacións de Emilio Rúa, Alba Mourillós e Hyperakusia, e a presentación do libro As nosas cousas. Castelao na Ínsua dos Poetas.

Participantes no evento.
Participantes no evento. | Reme Martínez

A tarde do sábado, 11 de outubro, caeu sobre A Ínsua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño), envolta nunha luz de outono e no rumor das voces que se xuntaban para celebrar unha nova edición do festival Music&Poetry, agora baixo o nome de Ínsua Music&Poetry.

Un espazo natural e simbólico onde a palabra e a música volveron atoparse para render homenaxe á cultura galega e, moi especialmente, á figura de Castelao.

Desde as seis da tarde, o recinto encheuse de público. Amigos da fundación, veciños da comarca, escritores, músicos e curiosos foron ocupando os bancos e os camiños da Ínsua, convertidos, unha vez máis, nun escenario vivo de creación e emoción compartida.

O acto abriuse coa benvida de Roberto Fernández, quen deu o ton da xornada cunha intervención cálida e sincera, evocando o valor de manter espazos de liberdade cultural coma este. “É a segunda edición do festival, e ten moita relación coas actividades da Insua con esta mestura de música e poesía. Conseguimos que sexa unha iniciativa transversal unindo a Xeración Z con outras idades convivindo neste espectáculo, con especial atención aos adolescentes” explica Fernández, un dos organizadores.

A seguir tomou a palabra Luís González Tosar, presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, que destacou o carácter transversal do encontro, no que se funden música, poesía e memoria. Tosar fixo tamén unha reflexión sobre a traxectoria da fundación e o compromiso coa defensa da cultura galega. “Buscamos que este evento sexa un diálogo interxeracional, onde a clave é conseguir que usen o noso idioma e que sintan que a literatura galega tamén é modernidade”. González Tosar explicaba tamén que “as bandas de rock é unha realidade moi de Ourense, e que mellor maneira que darlle un escenario ao aire libre en plena natureza como na Insua para que poidan mostrar os seus traballos e incentivalos a que os fagan en galego”.

A palabra e pulso da música

O primeiro en subir ao escenario foi Emilio Rúa, quen interpretou tres cancións cheas de lirismo e sentimento, co acompañamento delicado da súa guitarra e a súa voz característica, que envolveu o público nun silencio atento e agradecido. A súa actuación serviu de preludio perfecto para o fío poético que seguiría a tarde. “A posta polo idioma galego miña foi algo casual, pero como galego falante, nos meus traballos foi unha decisión natural. A poesía ten unha métrica que ten un fondo musical e nace para ser cantada, así que combinar música e poesía é o máis acertado” engadía o cantautor. Por outro lado destacaba que “é interesante que a xente nova aposte polo idioma e en calquera tipo de música”.

A recitadora Alba Mourillós recitou despois varios dos seus textos, abrindo camiño á intensidade eléctrica de Hyperakusia, o grupo ourensán, integrado por mozos entre 17 e 21 anos, que puxo ritmo e enerxía á Ínsua cunha actuación vibrante de tres temas. A mestura de xéneros e sensibilidades converteu o evento nun diálogo entre tradición e modernidade, entre palabra e son. “Para nós esta é unha ocasión que poucas veces se dá, tocar nun entorno así. Nós compoñemos temas propios desde fai un ano máis ou menos e o galego penso que é unha lingua moi bonita para escribir e cantar. A nos gústanos reivindicala xunto co rock” aporta Aaron Manzano, membro do grupo ourensán.

Hyperakusia na súa actuación.
Hyperakusia na súa actuación. | Reme Martínez

A continuación, Gabriela Fernández recitou un poema que fixo de ponte coa presentación do libro “As nosas cousas. Castelao na Ínsua dos Poetas”, a cargo de Alexandre Corbillón. A obra, editada pola fundación, reúne textos de diferentes autores que renden tributo a Castelao desde a mirada contemporánea, lembrando a súa dimensión artística e ética. “Editar este traballo foi moi bonito de facer. Xorde dunha iniciativa so certame Castelao, que ía co premio de publicar un libro coas obras dos gañadores”, explicaba Alexandre Corbillón, engadindo que o libro recolle os 10 traballos gañadores xunto con 10 accesit e a maiores catro debuxos presentados por un dos centros educativos colaboradores, un estudo sobre a figura de Castelao e a portada deseñada por Antón Pulido, membro do noso padroado da Fundación”.

Unha tarde de arte e memoria e comunidade

A recta final do festival trouxo de volta a voz de Alba Mourillós, seguida dunha nova actuación de Emilio Rúa, que puxo o broche musical antes da tradicional entrega de libros aos autores por parte dos patróns da fundación. O público respondeu con aplausos longos e sorrisos, agradecendo unha proposta que, máis ca un evento, foi un reencontro coa emoción e coa identidade.

Durante hora e media, a Ínsua dos Poetas transformouse nunha verdadeira casa da palabra viva: música, poesía e literatura compartiron o mesmo espazo natural, convertendo o outono ourensán nun tempo de beleza e lembranza. “Estamos moi contentos coa boa acollida desta segunda edición, xa que ás veces non é fácil conectar á xente máis nova co idioma e a cultura galega e vemos que con estas iniciativas si responden tanto en participantes escribindo, como facendo música en galego, como asistindo ao acto” afirmaba o presidente da fundación.

A entrada foi libre, e a participación superou todas as expectativas, consolidando o Ínsua Music&Poetry como unha das citas culturais máis singulares da provincia. Un festival que, nesta segunda edición, confirma que a arte galega segue a ter voz, corpo e alma, dándolle a súa maior relevancia aos máis novos.

Contenido patrocinado

stats