Un concurso público elixirá ao novo director para a MIT de Ribadavia

DIRECCIÓN DE LA MIT

O contrato que anuncia o Concello de Ribadavia é por un ano, prorrogable ata cinco, e por 10.000 euros

Unha representación ao aire libre da última edición da MIT.
Unha representación ao aire libre da última edición da MIT.

O Concello de Ribadavia abriu a convocatoria para a contratación da dirección artística da Mostra Internacional de Teatro (MIT). Este contrato responde á necesidade de contar cun equipo especializado tras o cesamento voluntario do anterior director artístico, Roberto Pascual.

Roberto Pascual deixou o listón moi alto na programación do festival nas 16 edicións que dirixiu, incluíndo cada ano importantes compañías de diversos países do mundo; coa rotunda aposta polas producións galegas e a variedade de disciplinas artísticas como a danza e o circo; tamén destacou pola expansión das representacións ás localidades do rural e o teatro na rúa; e polos cheos absolutos de público na maior parte dos espectáculos, contribuíndo en gran medida á dinamización social e económica deste municipio.

O Concello sinala nesta convocatoria que a persoa ou entidade seleccionada será responsable do deseño e programación da MIT, asegurando a coherencia dramatúrxica e a eficiencia económica. Tamén terá que elaborar memorias, orzamentos e documentación para convenios e patrocinios, ademais de coordinar grupos de traballo e seleccionar empresas e persoal técnico. Outra das súas funcións fundamentais será a xestión de actividades paralelas, como o Premio Abrente, as residencias artísticas e as coproducións, xunto coa colaboración na estratexia de comunicación e difusión do evento.

O contrato, cun valor estimado de 8.264,46 euros (10.000 euros con impostos), terá unha duración inicial de un ano, prorrogable anualmente ata un máximo de cinco anos. A contratación realizarase mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria. A avaliación das ofertas basearase en criterios técnicos e económicos, dando maior peso á experiencia en dirección de proxectos artísticos e á calidade do plan de dirección artística presentado.

Propostas

As propostas deberán presentarse antes do 18 de febreiro de 2025, ás 14,00 horas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. O contrato non poderá dividirse en lotes, dado que unha execución fragmentada dificultaría a correcta coordinación das tarefas.

Para máis información sobre os requisitos e condicións, os interesados poden consultar o perfil do contratante na Plataforma de Contratación do Estado.

Con esta apertura a concurso público da licitación do contrato para a dirección artística da MIT de Ribadavia, o concello cumpre cunha das promesas do alcalde, César Fernández, de que o posto se adxudique mediante un procedemento aberto e tras unha avaliación previa das ofertas, baseándose en criterios técnicos, económicos e na experiencia no eido da dirección artística, ademais da calidade do plan presentado.

Historia

En 1973 a Agrupación Cultural Abrente puxo en marcha as Mostras de Ribadavia, dentro dun ambiente de recuperación cultural, social e económica que se vivía en España dende a década dos 60, en tempos de dificuldades (económicas, censura…), polo que supuxeron un punto de encontro para a normalización e a profesionalización do teatro galego, segundo valoran as autoridades municipais. A partir de 1984 convértense nun festival internacional, o que supón unha oportunidade para achegar o teatro e a sociedade galegas aos grandes nomes da escena internacional así como ás tendencias e circuítos de maior prestixio.

Rubén García Fernández foi o promotor cultural destas Mostras “consideradas, para moitos, o punto de inicio do teatro contemporáneo en Galicia”, destacan. Este ribadaviense foi o primeiro director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e tamén de varias edicións da Feita do Teatro de Galicia. Un traballo a prol da cultura teatral galega polo que foi recoñecido co Premio María Casares de Honra.

Contenido patrocinado

stats