Redrum ofrece estrea con mensaxe aos adolescentes

Unha xornada adicada ao teatro galego que completan as compañías Larraitz e Aporía Escénica

Representación de “Carman” de Javier Ariza. (Martiño Pinal)
Representación de “Carman” de Javier Ariza. (Martiño Pinal)

A compañia Redrum Teatro (Galicia) estrea hoxe na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a obra “2pilgrims”, ás 20,00 horas, no Auditorio Nanuel María, da Casa da Cultura. Dirixida por Alex Sampayo é un espectáculo fundamentalmente para adolescentes, interpretada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, dos que partiu a idea inicialmente. Sheyla Fariña afirma que fai tempo que tiña pensado “facer un espectáculo para público adolescente, dirixido a eles, e que fale das novas masculinidades e sobre os rapaces que son vítimas do sistema, que educa aos homes para ter determinados dereitos e facer algunhas cousas”. Desta maneira hai una mensaxe de igualdade, e outros que aborda a obra como “o perigo do uso irresponsable das redes sociais ou o perigro de asumir o amor romántico como certo, tamén está presente o Camiño de Santiago que une toda a trama”, puntualiza a actriz.

A montaxe xurdiu en setembro do 2019 “e no confinamento empecei a escribir ideas, que Alex Sampayo revisaba e despois por cuestións persoais entrou Fernando Epelde no 2020 e así fomos traballando entre todos vía online no 2021 ata que comezamos os ensaios a finais de maio”, apunta Sheyla Fariña, insistindo en que “é un traballo de equipo”.

Esta xornada de mércores, centrada nas produccións galegas, ofrece outras dúas obras, unha delas ás 21,00 horas, na localidade de San Cristovo, “Fábulas da montaña” de Larraitz Urruzola Producións Artísticas, da que é autor e director Ignacio Vilariño e interpretes Larraitz Urruzola e Merran Laginestra; e a sesión do Auditorio Rubén García, como cada día, ás 23,00 horas, neste caso coa obra “Soga e cinsa”, de Aporía Escénica, unha coprodución da MIT.

En “Fábulas da montaña”, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai. Alí, escribe o seu libro “Fábulas en verso orixinais”, de historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a igualdade.

“2PILGRIMS” ten o Camiño de Santiago como fío condutor para abordar diversas problemáticas como a igualdade

A autoría e dirección de “Soga e cinsa”, da compañía Aporía Escénica, é de Diana Mera e as interpretes son Nerea Brey, Sonsoles Cordón, María Costas, Diana Mera, Raquel Oitavén, Marta Pérez, Merche Pérez, Rosa Puga Davila, María Roja, Nuria Sotelo e María Tasende.

A obra aborda a caza de bruxas en Europa nos séculos XV, XVI e XVII co obxecto de visibilizar o xenocidio que supuxo e a súa perversa conexión co desenvolvemento do sistema capitalista. Horror, humor, reflexión, plasticidade e emoción son as apócemas principais deste conxuro teatral.

O día rematará co coloquio cas compañías Redrum e Aporía.

Sarabela Teatro leva ao castelo a obra de Manuel Rivas “A lingua das bolboretas”

A programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia conta coa compañía Sarabela Teatro, que porá en escena “A lingua das bolboretas”, ás 23,00 horas, no Auditorio Rubén García. Basada na obra de Manuel Rivas, e con versión de Fernando Dacosta, está interpretada por Elena Seijo, Josito Porto, César Goldi, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

Este xoves tamén está previsto, ás 20,00 horas, na Igrexa da Madalena, “Os actos da inercia”, de Javier Martín (Galicia), e volverá a repetir actuación Larraitz Urruzola Producións con “Fábulas da montaña”, ás 21,00 horas, en A Franqueirán, continúando as sesións nas localidades do rural.

O coloquio cos membros de Sarabela Teatro será ás 00,30 horas, dentro da sección Foros MIT.

Contenido patrocinado

stats