OBRAS NECESARIAS
Oímbra avanza en la mejora de vías y servicios municipales
DOUS ANOS DO SERVIZO
A Furgoteca, unha auténtica biblioteca sobre rodas, botou a andar en 2023, hai xusto dous anos. Nun primeiro intre, esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xurdiu cun programa piloto en catro comarcas de Lugo e Ourense.
Román Rodríguez, titular de Cultura daquela, afirmou que a proposta nacía co fin de “garanter o acceso á cultura a toda a cidadanía”, con especial fincapé nos municipios do rural con moitos núcleos de poboación illados, e cuxa veciñanza ten maior dificultade para desprazarse á biblioteca local.
Daquelas dúas rutas iniciais, a correspondente á nosa provincia abrangue un total de tres comarcas (A Limia, Conso-Frieiras e Monterrei), sendo esta última á que máis concellos chega, dúas veces ao mes: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei e Oímbra. Posteriormente creouse unha nova, denominada occidental, que percorre tamén Terra de Celanova.
Para conmemorar esta efeméride da coñecida como “ruta sur” de Ourense, a Xunta organizou onte un espectáculo de maxia e humor a cargo do vianés Mago Teto coincindo coa visita da Furgoteca ao CEIP Plurilingüe de Oímbra, a localidade “sede” deste servizo, e na que se almacena o vehículo.
Os 60 alumnos deste colexio, así como profesores, equipo docente, membros da Consellería e a mandataria local, Ana Villarino, desfrutaron dos numerosos trucos de cartas e outras invencións do mago e ilusionista, que marabillou á cativada e fixo rir por igual aos adultos. O show incluíu tamén grandes nomes das nosas letras, como Rosalía de Castro ou Manuel Rivas.
Para Isabel García, responsable desta ruta da Furgoteca dende hai seis meses, a xente aínda está a coñecer moitos dos servizos que ofrecen: “Ademais de libros, tamén prestamos tablets, videoxogos e consolas portátiles, altofalantes e outros materiais informáticos”. Tampouco faltan nin as revistas nin a prensa como La Región, dispoñibles a diario.
Sobre os pequenos lectores, a encargada da biblioteca asegura que os máis novos “desfrutan sobre todo da experiencia, de entrar e rebulir en todo o que temos, aínda que logo teñan as súas preferencias de cómics ou libros de influencers”.
Respecto a se hai un perfil de usuario da Furgoteca, García cre que “non existe un prototipo nin unha idade concreta”. Sobre as preferencias, afirma que “demandan moita novela de intriga e de misterio, e os máis afeccionados piden as últimas novidades”.
Os máis maiores tamén son ávidos lectores, e agardan con “impaciencia” as visitas mensuais desta biblioteca móbil, que ademais de a colexios achega ás casas do maior e aos centros de día a paixón pola lectura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
OBRAS NECESARIAS
Oímbra avanza en la mejora de vías y servicios municipales
FESTA DA XUVENTUDE
Bousés arranca tres días de festa impulsados pola súa mocidade
Riqueza gastronómica
Oímbra luce su huerta con su exitosa exaltación del pimiento
Lo último