Mago Teto, maxia para soñar, ilusionar e emocionar
ENTREVISTA
Falar de 35 anos subido aos escenario facendo maxia e arrincando os aplausos da xente non é cousa sinxela. Pero cecáis o Mago Teto deu co truco para lograr facer soñar, sorrir, divertir e ilusionar en grandes doses a todo aquel que acode a un dos seus espectáculos. Numerosos ao longo de toda unha vida pero cun denominador común, a necesidade de dar o máximo del mesmo para contaxiar ao público, romperlle a súa coiraza, e facer que se emocionen e sintan que a maxia está no aire.
Conta cunha longa traxectoria no mundo da maxia, pero como todo ten un comezo, cal foi o seu?
A maxia sempre me chamou a atención. Supoño que, dalgún modo, sempre estivo aí, no meu maxín e na miña cabeza, e nalgún momento tiña que saltar. Lembro ver anunciado un libro do gran ilusionista Juan Tamariz que, naquel momento era unha figura imprescindible nese eido coas súa barallas, o mentalismo, a maxia de preto e o seu peculiar humor. Eu obtivera moi boas notas, así que, como agasallo, pedín a miña nai que me mercase aquel libro. E, o que comezou cun libro, converteuse na miña profesión, e Juan Tamariz acabou formando parte da miña vida, como mestre e como amigo.
Como chegou vostede a a ser mago?
Teste que remontar a máis de 30 anos atrás, cando non había o acceso a Internet que temos hoxe, redes sociais, vídeos… que todo é moito máis sinxelo. Daquela eu comecei con libros que buscaba en librarías e bibliotecas, libros moi complicados de atopar xa que tampouco eran cousas de interese xeral. Existía ese libro de Juan Tamariz, máis ben era unha colección, que creou unhos sólidos piares para o estudo da maxia e, nas últimas publicacións do coleccionable, engadiran unha serie de contactos con persoas do mundo da maxia. Así que eu, collín papel, boli, sobre e selos, e escribín á xente que alí se citaba… e tocaba agardar a que che respondesen.
Non eran aqueles estes anos da inmediatez.
Para nada, había que armarse de paciencia e confiar en que chegase ao seu destinatario. E, así foi como unha asociación de Barcelona quedou abraiada con que un mozo de Galicia quixese ser mago e para elo lles escribise, cando a maxia é un algo moi presencial, de estar en contacto directo. Eles mesmos me facilitaron diferentes números de teléfonos, e contactei con tendas de maxia para seguir mercando libros. Así pasaron ao redor de 4-5 anos que foi cando coñecín a Luis Boyano, o primeiro mago profesional que me deu moi bos consellos, e ao Mago Antón, que me axudou a ser o mago que son. A partir de aí, entrei en contacto con outros magos e ata o día de hoxe.
Entendo que na formación dun mago é preciso aprender e sumar algo novo cada día.
Hai que innovar, crear, aprender… eu terei ao redor de 1.000 libros de maxia, e iso é a décima parte de todos os libros de maxia que hai. Por sorte, eu sigo con esa inquedanza e afección de seguir lendo maxia e investigando.
A maxia en si mesma abarca un mundo moi amplo.
Hai moitos tipos de maxia. De proximidade, de escenario, de gran formato… e dentro de cada especialidade, hai maxia con moedas, con barallas, mentalismo, con navallas… é impresionante a cantidade de cousas que hai. E cada un debe seleccionar o que máis che apetece.
Dende os seus inicios a día de hoxe, persoalmente, que segue presente en cada unha das súas actuacións?
Os nervios seguen estando aí. E o día que non estén, malo. Eu son moi perfeccionista, é con cada actuación estou moi pendente de coidar cada detalle. Tomo o meu tempo de ensaios, preparación… e o que o público ve nunha hora e media, eu doulle mil voltas para que sexa o máis atractivo, dinámico e divertido posible. E, sobre todo, que toque todas as emocións que a mín me gustaría.
E o público, cambiou moito desde os seus inicios?
O público, se lle das o mellor de ti, vaiche dar o mellor. Independentemente do momento en que ocorra, agora ou fai 20 anos. O meu traballo é dar o mellor de mín, así que, polo xeral, en calquera punto do mundo, o público é agradecido se ti cumpres.
“Son moi esixente con cada espectáculo para poder dar o mellor de mín e que o público logre emocionarse”
Nun espectáculo de maxia, que público é máis esixente, o adulto ou o infantil?
Hai que adaptarse a eles. Diríxome aos nenos como adultos, que é o que lles gusta. E moitos deles teñen a cabeza máis asentada que os maiores… (risas). E aos adultos as veces tes que tratalos como nenos. Para eles, o paso dos anos e as experiencias da vida creálles unha coraza que hai que picar e romper para entrar, -dito de maneira “ñoña”- no seu corazón. Que se deixen levar polo momento, que se permitan soñar e abraiarse. Unha vez rota esa coiraza, todo vai para adiante e logran emocionarse. Pero os primeiros minutos son clave.
Tras de si, 35 anos no mundo da maxia e unha manchea de espectáculos. Hai algún especial para vostede?
Cada un deles ten algo que deixa a súa semente e ten o seu engado. Foi algo que construiches, ao que dedicaches tempo, espallaches entre a xente e mimaches dando o mellor de ti. E eso deixa o seu pouso. Pero agora mesmo, diríache que o mellor é o último.
Fálenos entón del.
Chámase “Rock ‘n’ Magic” e, aínda que non o creas, tardei 30 anos en facer realidade este espectáculo que é o que sempre soñei. Unha proposta que parte dun concerto de música cunha escenografía que recorda aos concertos de rock con bandeloras, linguas de lume, explosivos… vamos, o que serían Los Suaves ou Los Ramones, que me encantan.
Conmigo está Mon Orencio na guitarra e voces, e o tamén ourensán Fer Risco na batería poñendo música en directo e interpretando temas de Led Zeppelin, Guns’s & Roses, AC/DC… combinado xogos de maxia creados especialmente para o espectáculo que agardamos que non deixe a ninguén indiferente. Un show no que hai moita interacción entre os tres vértices, a súa música, a miña maxia e o público. Eu pásoo en grande! Síntome como Jim Morrison! (risas).
Como se fai para deseñar un espectáculo de maxia?
Eu son moi esixente con cada espectáculo. O primeiro é que non me poño datas de estrea para non condicionarme e ter que sacrificar cousas. Todo parte dunha idea, anotacións e un primeiro fío que deixo en repouso un par de meses. Cando o collo de novo, volvo darlle unha volta, cecáis cambie todo ou engada cousas. E cando máis ou menos me parece correcto, comeza a montaxe do equipo que vai traballar: dirección, deseño luces, selección de músicas, efectos… Logo veñen os ensaios que, unha vez está todo, é o máis breve do proceso.
Que é para vostede a maxia?
Volvendo ao rock & roll, como diría Leño, “una manera de vivir”.
Do trato co público, con que se queda?
A cara de felicidade que se ve desde o escenario. O asombro. Os comentarios que che fan ao remate do espectáculo. A emoción cando che traen fotos das túas primeiras actuacións, ou che recordan cando estiveches en tal sitio.
Que é o que menos lle guste da maxia?
Da maxia non hai nada que non me guste! (risas). Da profesión en si, si. As viaxes, os quilómetros, durmir fóra da casa… así que cada vez me plantexo máis estar só en Galicia. A mín gústame estar na miña casa e en familia.
E o que máis?
Actuar. Onde sexa. Desde un teatro a unha pequena festa ou nunha praza.
Agora que tanto se fala da Intelixencia Artificial, a maxia pode perder a súa “maxia”?
As artes en si, como o teatro, a música, a danza… e tamén a maxia, precisan de moito ensaio para levar a cabo un espectáculo perfecto que logre emocionar ao público. E a Intelixencia Artificial aínda ten que ensaiar moito moito moito para poder facer algo.
Algún proxecto para este 2025?
Estou traballando en algo, do que non vou falar moito, só que ten que ver moito co espectáculo actual e que será o froito de dous anos de traballo.
E xa que chegan os Reis, pídalle un desexo.
Erguerme o día 6 de xaneiro e ler na portada de La Región que todos os dictadores desapareceron e as armas do mundo están erradicadas.
Coa venia
Un imprescindible da maxia.
Para mín, é imprescindible que haxa música. Música da boa.
Na súa casa soa… Música boa (risas).
Desde Rock a Flamenco, pero artistas que logran transmitir unha emoción que outras músicas modernas, para mín non teñen.
Un lugar onde lle gustaría actuar.
En Viana do Bolo.
Un recordo da súa nenez.
Teño tantos e tan fermosos… igual na aldea de Sabuguido, en Vilariño de Conso, onde pasaba as tardes de verán en familia.
De pequeno quería ser…
Tantas cousas… ata deportista! O mundo da música sempre me chamou tamén moito a atención.
Cando se mira ao espello, ve…
Un señor maior xa…
Unha viaxe pendente.
Irlanda.
Un lugar para perderse.
Calquer recuncho de Galicia.
Unha afección.
A maxia e a música.
Unha manía.
Moitas! Unha moi especial é que nos teatros, cando vou actuar, os zapatos cambios no mesmo escenario.
Un vicio confesable.
Os concertos.
Unha virtude.
A constancia.
Un defecto.
Son cabezón.
Perde a calma con…
A xente que cada vez aguanta menos. Vivimos nunha situación no que todo ten que ser instántaneo, rápido. É preciso tomarse a vida con máis calma e desfrutar do momento.
Recobra a calma con…
Cunha baralla e co meu fillo.
Un soño.
Seguir vivindo da maxia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar