Opinión

Aldeas milenarias

Malia que na toponimia oficial actual chegou ata nós como Amoroce, na fala coloquial son moitos os veciños da miña aldea, doutros lugares da revolta e incluso "da vila" (que é como lle chaman os dos pobos circundantes, a Celanova), que utilizan o termo "Amoroz" para referirse á parroquia na que vivo e na que, como certifica o libro Tombo do Mosteiro de Celanova, xa vivían antepasados meus e dos meus veciños, hai máis de mil anos.

Coma tódalas aldeas galegas, o termo parroquial de Amoroce está poboado hoxe en día por unha alta porcentaxe de persoas xubiladas ou retornados da emigración, algúns matrimonios de mediana idade, moi poucos estudantes e non máis de media ducia de meniños de antes de ir á escola, repartidos todos eles entre as aldeas do Casal, Sampil, Amorociña, Os Barreiros, Carbasco, Goterre, O Rial e A Granxa.

O traela hoxe a este escaparate motívao unha charla informativa á que tiven ocasión de asistir hai uns días en Santiago de Compostela, na que un dos "popes" da arquitectura galega, José González-Cebrián, presentou unha guía de boas prácticas -ou de concienciación colectiva- sobre cómo a sociedade galega debe acometer determinadas praxes para salvar o que aínda se pode salvar a nivel paisaxístico do mapa galego.

Vaia por diante que, por pura lóxica económica, o coordinador da guía de boas prácticas destacou que as zonas máis recuperables atópanse nas provincias de Lugo e Ourense. De algo había valer -digo eu- o subdesenrolo económico ó que ámbalas dúas se teñen visto sometidas dende hai décadas fronte á entolecida expansión urbanística da denominada franxa dos 50 quilómetros da cornixa atlántica, que ten xerado paradigmas da anarquía urbanística tan significativos coma toda a área metropolitana de Vigo!

No transcurso da súa intervención escoitei unhas cantas verdades sobre cómo a recuperación urbanística do medio rural galego debería asentarse nun principio de concienciación colectiva.

O que non escoitei foi unha mínima autocrítica respecto da profesión que representa, porque -alén dos políticos locais- algo de responsabilidade han ter os arquitectos dos anos 60 ós 90 na desfeita de tantas vilas e aldeas galegas, xa que logo, alguén deseñaba e asinaba os proxectos.

E sobre todo, tampouco escoitei nada sobre a necesidade de outorgarlle a aldeas milenarias como Amoroce o carácter de asentamentos históricos que leven emparelladas políticas de promoción na rehabilitación de vivendas e espazos públicos. Aínda que, postos a pedir, iso gustaríame terllo escoitado mellor ó presidente da Xunta.

Te puede interesar