Opinión

Un conto

Dun tempo a esta parte, cando se inicia unha lexislatura, sexa na Cámara que sexa, o primeiro asunto que se substancia -ó meu ver dende unha perspectiva un tanto populista- é arredor do asunto dos salarios que deben ou non deben recibir os deputados electos.

Dado o incipiente arranque da lexislatura no Pazo do Hórreo, loxicamente a última información que lin ó respecto ten que ver co debate interno que seica andan a ensarillar os de aquí e os de acolá -é dicir, os denominados autóctonos e os paracaidistas- do grupo parlamentario de En Marea, pois disque os que teñen centro de dirección en Madrid, por responsabilidade estatutaria, non poden percibir máis de tres veces o salario mínimo interprofesional, que veñen a ser uns 2 mil euros ó mes, fronte ós preto de 5 mil que seica lles corresponden, mentres que os de aquí -ou sexa, os de Anova- non teñen ningunha pexa orgánica que os limite, polo que me dá a min -e co que eu estou de acordo- que o que desexan é percibir a paga completa.

Pois ben, cando se dá, non o segundo senón o primeiro dos casos, hai tempo que me ten xerado a min unha dúbida que paso a compartir con vostede por se vostede a entende.
Entendo que se un parlamentario galego ten dereito a unha pago mensual -redondeemos- de 5 mil euros, loxicamente, cando remate o mes e o servizo habilitado da Cámara emita a correspondente nómina, nela deberá levar incluída a cantidade bruta cos seus respectivos descontos por seguridade social, etc., etc., que será a que lle ingresen na conta corrente que o parlamentario comunicara para os efectos.
Pois ben, se un parlamentario decide que no canto dos 5 mil euros, el só vai cobrar 2 mil euros, a miña pregunta -un tanto inocente- é: ¿O Parlamento só lle ingresa os devanditos 2 mil euros?

E de ser así. ¿A que dedica, entón, o Parlamento as sobras? ¿A remanente de tesourería?
Se isto non é certo -cousa lóxica, por outra banda- e o parlamentario percibe a cantidade completa dos 5 mil euros na súa conta corrente, é evidente que co seu diñeiro pode facer o que lle pete, e ben dedicalo todo ós seus gastos persoais ou entregarllo completiño á organización e logo el poñerse a pedir nunha esquina da rúa do Hórreo para conseguir unhas cadelas para o tren ou o autobús que o traia e o leve á súa casa.
Entón, de se dar este caso -pouco probable, tamén acredito- outra miña pregunta sería:

¿Entón, por canto tributa? ¿Por 5 mil euros ó mes ou por nada?
Si. É certo que estou esaxerando un pouco. Pero iso é porque me dá a min que en todo ese debate arredor do límite dos cobros hai algo que non se explica publicamente porque igual nos decatamos de que no fondo todo é un conto.

Te puede interesar