Opinión

Que sigan…


Se non escoitei mal esta tarde pola radio, seica hoxe (onte para vostede) foi batido o record de permanencia dun presidente de goberno español nese estado de latencia que en linguaxe administrativa se lle chama oficialmente "en funcións".

Mariano, ademais de atesourar para a historia apócrifa de España, o triste honor de ter sido o primeiro presidente dun goberno español que recibiu un zafanón en público por parte dun veciño da súa cidade, de ter sido o primeiro presidente dun goberno declarado "persoa non grata" por esa mesma cidade da que se ten por residente e de ter sido tamén o primeiro presidente dun goberno español que non logrou repetir mandato, sen embargo acabará pasando á historia, pola contra, coma o mellor presidente en funcións. Triste honor!

Triste honor, digo, para un mandatario que se ten polo gobernante que en só catro anos logrou soster o dique de contención que impediu a entrada dos "homes de negro" na nosa economía familiar e para un home que fixo unha auténtica carreira política por tódolos estamentos da administración pública co único obxectivo de estar perfectamente preparado para chegar a presidente do goberno. Triste honor!

Pero, polo menos -repito-, gardará para os seus netos a satisfacción de ter sido o presidente do goberno que logrou meirande tranquilidade social mentres gobernou "en funcións".

Eu non sei vostede, pero a min, se preguntasen a miña opinión sobre o funcionamento do Estado, diría sen rechistar que nos deixasen permanentemente en funcións.

Eles que sigan... Que se dediquen ó que se están dedicando agora, é dicir, a marear a perdiz para ver quen é capaz de levala ó cazo, pero sen dispararlle para que non remate a brincadeira. Que se entreteñan no que se están entretendo, é dicir, a redactaren pactos de partido a ver en cantas liñas coinciden e en cantas outras diverxen. En analizaren quen se leva mellor con quen e entre cales se soportan, non se soportan ou non se levan ben e que deixen á "madre Soraya" á fronte do clube dos Secretarios de Estado para irmos tirando no día a día co fin de que as contas non se nos vaian das mans e Europa non nos turre das orellas... E xa está.

Eu non sei a vostede, pero a min dáme a sensación de que nunca como dende que estamos en funcións o país estivo máis tranquilo. Por iso que, case é mellor que non logren pactar por ningures. Porque así, en funcións, polo menos estamos seguros de que a cousa nunca irá a peor.

Te puede interesar