Fermín Bocos
Lo inasumible es que Puente siga
O outro día, antes de saír da Coruña cara a Ourense, cando un meu xenro me dicía isto: “Chama ó chegar”, medio rindo e botando man das palabras da súa avoa, pensei que se non sería bo lema para unha desas camisetas con frases simpáticas que tanto se usan no verán, tipo “A los chupitos invita la casa”. Pero co da traxedia do tren en Urda, volvín pensar sobe o tema. Certamente hai anos, cando viaxar era tido por un risco, a frase era a última que oíamos ao saír da casa. E foise perdendo... Pero parece que nesta “nova normalidade” -esperemos que provisional de retrasos, anulacións e cousas peores- debemos afacernos a oíla e a dicila de novo: “Chama ó chegar”.
Obviamente, coma case todos os opinantes, tampouco son ningún especialista en seguridade de trens. Iso dos sistemas de seguridade LZB, ERTMS, ASFA, supérame, pero esa falla evidente non me impide pensar sobre o tema e comparar tempos e modos, sen entrar en disquisicións técnicas.
Como a case todos os galegos, coas arrepiantes imaxes e noticias, veunos á cabeza, de primeiro, Angrois. E vemos como a xestión da comunicación, en ambos casos, foi totalmente distinta. Daquela, como desta, o erro humano foi patente. En Angrois, dous responsables inmediatos: o interventor que chamou por teléfono ao seu subordinado xusto antes de entrar en Compostela e o maquinista por distraerse contestándolle e non decatarse onde estaba. Pero de contado, o foco de atención púxose nos sistemas de seguridade da liña e no trazado dunha curva, por certo, menos pechada que a pensada para a entrada do AVE en Ourense sobre Oira. E si, a enxurrada das críticas foi contra o Ministerio, do que era Ana Pastor a responsable desde había dous anos, en 2013, e tamén contra o seu antecesor socialista Pepe Blanco, por apurarse a inaugurar a obra en 2011 seica con menos medidas de seguridade das previstas inicialmente.
Se fallan sistemas, deben ser decisións colexiadas e contrastadas, tipo as revisións a pares para a publicación de artigos en revistas científicas.
E creo que neste caso da comunicación do accidente de Urda, o ministro Puente tivo unha actuación cando menos inxusta se é que non merece cualificación penal, pois haberá que ver quen foi o autor desa filtración dos cachiños dos audios co único fin de lanzar un anzó para que todos seguisen, pensasen e lle desen voltas á liña argumental do ministro e mediatizar as investigacións. Non entrarei no obvio, o erro da decisión e da comunicación de “marcha normal”, as dúbidas que se escoitan, etc. Pero o que me pregunto eu é porque nestes tempos de inmensos avances tecnolóxicos, que os coches xa traen sistemas de freado para que non se produzan “alcances”, que o análise e xestión de grandes masas de datos está tan adiantado, tamén pola IA, como é que se pretende descargar toda a responsabilidade sobre un só individuo? Se fallan sistemas, deben ser decisións colexiadas e contrastadas, tipo as revisións a pares para a publicación de artigos en revistas científicas. Obviamente hai un erro humano dentro dunha situación tecnolóxica e de xestión moi deficiente. Falarase moito estes días de mantemento. De investimentos. E debemos reflexionar sobre os criterios políticos no enfoque do gasto público. Viaxes gratuítas para os mozos e para case todo o mundo, en vez de investir no mantemento e seguridade? Estou seguro de que ninguén pensou nesa dicotomía con tal claridade, porque a cousa ten moitos matices, pero hai unha clara tendencia en ciscar cartos por votos. En todos os niveis. Aquí, alá e acolá.
En fin, España seica gasta en mantemento por km de vía de alta velocidade a metade que Europa (95.860 por 191.092 de media, din as fontes oficiais). O sistema famoso que fallou, o LZB, é o mesmo con que se inaugurou a liña a Sevilla en 1992. Compare vostede as tecnoloxías dos coches de hai 35 anos cós de hoxe. Cumpría darlle unha boa volta ao tema, pois é, debe ser, tema de Estado. Menos política e máis técnicos. Co apoio de todos. Mentres, “chama ó chegar”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último