Don Manuel; Galicia como orgullo e identidade

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 15 ene 2026 - 00:50
Opinión en La Región

Don Manuel Fraga ocupa un lugar senlleiro na historia política contemporánea, española e galega. Por vez primeira no século XX, artellou a dereita estatal baixo unha estrutura política unida e estábel e a partir dela, fixo da conservación unha alternativa política cuxo motor era a reforma, entendida como permanencia produto do cambio. “Ningunha norma é eterna, e as que duran moito, duran porque antes foron emendadas con frecuencia”, afirmaba, deixando claro que só se conserva aquilo que é quen de adaptarse, na liña do que predicara Burke había dous séculos.

En Galicia, a súa figura transcendeu a dimensión institucional para se converter nun referente intelectual e ideolóxico. Fraga foi algo máis ca un presidente; foi un ideólogo que soubo interpreta-lo seu tempo histórico e nos ofreceu unha síntese coherente entre identidade, orgullo, historia e tradición. Para iso, bebeu das fontes do galeguismo de Brañas, Risco, Otero Pedrayo, Piñeiro ou Cunqueiro. Deles herdou a convicción de que a identidade galega non é unha construción artificial nin casual, senón o produto dunha sedimentación histórica, cultural e espiritual que deu nunha etnia consolidada polo tempo; isto é, nun pobo diferenciado, consciente de seu e lexitimado para afirma-la súa personalidade no escenario mundial. E se ben explicou con claridade que ser galego non entra en contradición coa pertenza a España nin coa integración en Europa, tamén advertiu de que non se debe paga-lo prezo de deixar de ser quen se é para formar parte doutros proxectos. Todo é compatíbel, nada sobra; esta idea central converteu o galeguismo nun feito aberto, non excluínte, solidario e recoñecedor doutras entidades supra autonómicas: un galeguismo anti-nada..

Na primeira toma de posesión como presidente da Xunta de Galicia, anunciou o que sería un eixe ideolóxico permanente: “Quero unha Galicia con sitio para todos: os que somos, os que foron e os que virán”. Nesa frase confluían en harmonía o pasado, o presente e o futuro, expresando unha concepción do país galego baseada na continuidade histórica, na unidade social e na responsabilidade colectiva. Consonte a isto, Galicia debía recoñece-la súa historia, aprender dela e traballar arreo para construír un futuro compartido. O primeiro paso era a dignificación do pobo mediante a posta en valor da súa personalidade histórica, xeográfica e cultural; é dicir, mediante a máxima autonomía dentro de España. O segundo, era “potenciar o noso orgullo nacional de ser galegos”, entendido como unha autoidentificación consciente e práctica.

Hai catorce anos foise don Manuel Fraga e canda el marchou algo máis ca un presidente; marchou un líder que nos deixou unha idea, unha praxe e unha esperanza

Defendeu que a Autonomía e o Estatuto representaron o recoñecemento político da realidade galega como pobo diferenciado e creador dunha cultura convertida no principal factor de autoafirmación que ten na lingua o maior sinal identitario e nas tradicións un tesouro a conservar mediante a constante adaptación ós tempos. O resultado do seu proxecto é a Galicia actual: unha terra que deixou atrás a celebración das súas miserias e que se recoñece -sen conflito nin contradición- maioritariamente galega, española e europea; un país cun sentimento identitario firme e disposto a desenvolverse por si mesmo dentro do pluralismo español e da oportunidade europea.

Hai catorce anos foise don Manuel Fraga e canda el marchou algo máis ca un presidente; marchou un líder que nos deixou unha idea, unha praxe e unha esperanza. A idea dunha Galicia de seu, orgullosa do seu e respectada nos foros onde se xogan os seus intereses. A praxe dun servizo público exercido con principios políticos e morais coñecidos e coherentes, baseados na ética, na orde e na reforma como motor do progreso. E a esperanza nun proxecto suxestivo de vida en común, asentado nunha nacionalidade histórica -esa “Baviera galega”- perfectamente inserida nas realidades española e europea.

Para min, don Manuel Fraga fica no reducido grupo dos que deixaron para Galicia unha construción intelectual duradeira: un galeguismo conservador entendido como patrimonio común, como expresión da madureza colectiva dun pobo que sabe quen é, de onde vén e cara onde quere ir. Unha vez máis: don Manuel; sempre con nós, sempre en Galicia.

Contenido patrocinado

stats