Homes libres

Publicado: 27 dic 2022 - 00:50

Un home con fame non é un home libre”. ”A pobreza condiciona a democracia e a liberdade”. Son frases de Vasco Lourenço, un dos Capitáns de Abril en Portugal, pronunciadas durante unha entrevista.

Certo! A fame física, a fame ética e moral, e tamén a pobreza, non deixan espazo para decidir con liberdade. A fame é un instrumento de guerra. A fame fai do home unha fera que ataca acó e aló, indiscriminadamente, para acadar unha tallada. A fame mata e fai matar. A fame non deixa pensar con claridade. A fame provoca moreas de delitos. Da pobreza derívanse as mesmas eivas.

Mais aínda non sentimos o compromiso climático, a fame do clima, e cando o sintamos pode ser tarde. Acabámolo de escoitar na voz dramática do discurso de Antonio Guterres, Secretario Xeral da ONU, na Conferencia do Clima en Exipto.

Vimos de pasar uns meses de verán e do Outono raros. A alteración climática é unha evidencia en todo o mundo. Estamos preocupados polos prezos da enerxía xa que vemos que non nos alcanzan os ingresos para pagar as facturas de carburantes, de gas, de calefaccións, as cargas eléctricas e outras que se suman ás anteriores. Pobreza! Coido que non tardaremos en pagar un prezo impensable pola auga, sobre todo pola auga potable e saudable, un ben que está a tornarse escaso, pese a que nas últimas datas semellou farturento. E iso vainos levar á pobreza e mesmo á fame. E despois veremos os egoísmos dos países ricos chupándolle o sangue aos pobres, como sempre aconteceu. De aí nacerán novos liderados e despois o que veña.

Pobreza e fame, ou fame e pobreza. Dúas calamidades que están a ameazar o mundo coas iniciativas de certos líderes que se senten donos do universo e deciden por todos nós, e dese xeito súmanse negativamente ás alteracións climáticas.

Sempre escoitei que o home supera todo, que se afai a todo, mais desexo vivir nun mundo que me permita beber ata fartarme do cachón da fonte da aldea. Por certo que esa fonte secou no verán, e agora xa bota un pequeno fío de auga. Hai esperanza!

Contenido patrocinado

stats