Opinión

Á disposición dos lobos

Os  labregos de moitas zonas de Galicia, para coidar ás ovellas, ás becerriñas novas, ás bestas paridas e ás burras preñadas, ás cabras que saltan, aos porcos ceibes e a tódolos rabaños que andan no monte, ían para a serra bater aos lobos, coas escopetas cargadas. Eses animais carnívoros que por lei, pasaron de alimañas a seren unha das especies cinexéticas, a principios da década dos setenta do século pasado. Agora, tamén por imperativo legal, aparecen na listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. “Foi cousa do demo”, din algúns dos representantes das comunidades autónomas participantes na reunión da  Comisión Estatal de Patrimonio Natural do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco).

Pero digan o que queiran, o texto normativo inclúe ao lobo, en tódalas poboacións do Estado como unha especie de especial protección, independentemente de que mate ou deixe de matar a outros animais, que coida, protexe e mata o home. Ao parecer no Estado Español hai entre dous mil e dous mil cincocentos exemplares de lobas e lobos, a maioría (a práctica totalidade) andan nos montes do norte do Río Duero. Así as comunidades de Asturias, Cantabria, Galicia e Castela e León xuntaron as súas forzas en contra da proposta de protección deste animal, con Madrid, Murcia, Euskadi e Andalucía, pero perderon a votación.

O propio Ministerio e os representantes de Cataluña, Aragón, A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias, Baleares e Melilla salváronlle a vida ao lobo feroz, para que poida vivir en paz, comer e matar canto poida e onde poida. Pobres ovellas e rabaños! Pobre vaca marela! Pobres labradores atacados polos feros animais coidados pola legalidade da norma!

Dicíao moi ben Novoneyra, “Cousas do lobo!”, que baixa e vai “ruxindo na folla dos carreiros / en busca da vagoada máis sola e máis medosa...” E, mentres tanto, nós quedamos coa beleza doutro verso do mesmo poema, “O lobo! Os ollos o lombo do lobo!”. E aqueles que queren ser ecoloxistas, que lles doe?  Seguramente, como di a Tía Manuela, “a incoherencia, a imposibilidade de ser e non ser ao mesmo tempo e no mesmo instante.”. Os milleiros de aldeas baleiras da nosa terra, xa están á disposición dos lobos.

Te puede interesar