Música antiga en Xunqueira
No camiñar polas distintas vilas da provincia, buscando actividades culturais e concertos musicais que superen o decibelio festivo no mes de agosto, achégome a Xunqueira. Na cidade das Burgas a música para un sector que busca algo máis ca festa, dende hai moitos anos, non ten cabida. E salvo no Teatro principal, que rexenta a Deputación Ourensá, a programación cultural do Concello anda noutras leas festivas nas que estes concertos non están nin se esperan. Así que en Xunqueira, polo menos, segue vivo un encontro musical que camiña ano tras ano no tempo. Polo que, como moitos ourensás, xuntámonos na vila de Ambía a escoitar os sons dese antigo órgano. Este ano celebrase o XXXVII Ciclo de Órgano e Música Antiga; ciclo que ten tras de si unha historia e un nome que sona máis alá desta provincia do interior galaico. Nin que dicir que este é un ciclo moi consolidado no tempo que permite escoitar o seu antigo e famoso órgano catalogado como Ibérico. Instrumento que deléitanos cos seus rexistros e coas diferentes músicas, onde tamén se escoitan outros instrumentos con séculos de historia como é neste caso o violín. Este ano están programados catro concertos dos que van dous. Polo que aínda queda por celebrar o do andaluz Miguel Ángel García que propón un encontro que leva por título “Catro séculos de música de órgano en Europa”. E o derradeiro que pechara o ciclo onde estará Montserrat Torrent, todo un nome nesta especialidade. E que fará soar o antigo instrumento que non podería existir se o seus sons non formaran un todo arquitectónico co edificio da Colexiata.
O primeiro concerto estivo a cargo do doutor en musicoloxía Antonio Pino. Nel fixo un percorrido pola música antiga de diversos autores deleitando ós oíntes que enchían a Colexiata. Foi un concerto ameno no que se amosaron os distintos rexistros deste instrumento e que foi agasallado con moitos aplausos dos asistentes. O domingo pasado, o 23, foi o concerto de Ars Combinatoria, desta vez co violín de Elsa Ferrer acompañada por Canco López. Foi este un concerto que nos propuña unha viaxe musical dende Venecia ate Leipzig, ou se o prefiren dente Italía á Alemania. Asi escoitamos obras de Dario Castello 1590-1630. Arcangelo Corelli 1653-1713, Tomaso Albinoni 1671-1751, Antonio Vilvaldi 1678-1741, rematando o concerto cos coetáneos dese tempo Handel e Bach. Nin que dicir que foi unha velada moi interesante na que as obras moi ornamentadas do barroco soaron na Colexiata. Todas foron agasalladas con moitos aplausos dos asistentes que enchían o templo. Polo que foi este un concerto onde ademais da música que sonou, visualizáronse moitas caras habituais que veñen a esta cita que nos traslada cós seus acordes e arpéxios a tempos pasados. Foi a deste domingo unha velada moi intensa, iso si alonxada dese mudanal barullo que sempre ven acompañada de decibelios e artifícios modernos que pouco teñen que ver coa música natural daqueles tempos. Quedan, pra rematar este ciclo de 2026, os dous concertos sinalados que seguro satisfarán a moitos ourensás que aman á musica antiga e de calidade. A máis cordial e agradecida louvanza ós músicos participantes e, como non, ós organizadores.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último