Acta de fundación dun esquecemento, O Burgo de Caldelas

TRIBUNA

Publicado: 16 jul 2026 - 06:40
Unha das paisaxes que poden verse no Burgo de Caldelas.
Unha das paisaxes que poden verse no Burgo de Caldelas.

Dicía o mestre Vicente Risco, tan fondamente vinculado a estas terras, unha máxima que hoxe reverbera con dolorosa forza: “Os homes vanse, as pedras quedan”. No Burgo de Caldelas, un dos núcleos de poboación cruciais da nosa historia e, paradoxo, un dos máis esquecidos, as pedras semellan ser xa os únicos testemuños que resisten. Con séculos de historia ás costas, este enclave está a un paso de acadar o triste título de aldea baleirada.

O lugar recibiu foros dos reis leoneses Fernando II en 1172 e de Afonso IX en 1228"

O pasado do Burgo impón respecto. Foi, durante a época romana, un enclave estratéxico militar (a mansio de Praesidium) ao pé da Via Nova que conectaba Braga e Astorga, para converterse na Alta Idade Media no “Bono Burgo de Caldelas”. O lugar recibiu foros dos reis leoneses Fernando II en 1172 (en latín) e de Afonso IX en 1228. Este último documento, redactado xa en galego, constitúe un dos documentos máis fascinantes e temperáns da nosa lingua. Hai xa corenta anos que me mergullei na investigación destes foros, unha xeira que me levou á biblioteca do Palacio de Liria en Madrid, onde contei coa xenerosa axuda de Jesús Aguirre, daquela duque consorte da Casa de Alba.

Elisa do Burgo de Caldelas.
Elisa do Burgo de Caldelas.

Todo aquel caudal de datos veu a luz en 1992, plasmado no primeiro tomo de Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas. Esta obra, concibida co desexo de rescatar do esquecemento a nosa identidade, converteuse co tempo nun traballo de referencia para comprender o legado etnográfico, histórico e social da comarca. Porén, mentres o libro lograba salvar os datos nas súas páxinas, a realidade fóra delas seguía un rumbo cara ao descoñecido.

A casa dos Risco no Burgo de Caldelas.
A casa dos Risco no Burgo de Caldelas.

Dende aquelas datas, síntome no deber de actuar como un notario emocional que levanta acta do galopante proceso de esquecemento dun lugar que, pola súa relevancia histórica e a beleza do seu emprazamento, foi o emblema de Caldelas. O declive demográfico é incontestábel e merece algo máis que actos que pasan por ser “culturais”: o Burgo que eu coñecín no ano 1962 vibraba con 170 habitantes; en 1980 a cifra caera a 86 e, hoxe, apenas resisten cinco veciños, todos persoas maiores.

Ante a soidade e o abandono presentes, gardo na memoria (e impresa nunha fotografía do verán de 1962) a imaxe duns eidos en plena produción, a maxestosa casona da familia Risco e unha igrexa prerrománica chea de actividade. Coñezo ben aquel camiño. Nese mesmo verán, percorría cada día en bicicleta a ruta entre O Castro e O Burgo cun maletín ao lombo. Ía recibir clases de Dona Carmen, a mestra do meu pobo de Quintela, que aproveitaba as vacacións na súa casa natal para prepararme para o segundo curso de bacharelato. Aquelas sesións coa eficaz mestra valeron a pena: no exame do instituto en Ourense, ante un tribunal presidido polo profesor Xulio Ogando Vázquez, aprobei todo con notas excelentes. Con Ogando mantería anos máis tarde unha fértil amizade, colaborando estreitamente na editorial que fundei coa edición facsímile da prestixiosa revista La Centuria.

Igrexa do Burgo de Caldelas.
Igrexa do Burgo de Caldelas. | "

O futuro que vexo non me anima a ser optimista. Por máis que o campo estea mecanizado, nesta parroquia acaban de rematar unha concentración parcelaria que chegou tarde e mal; nin hai xente nin está pensada para os tempos que veñen. O abandono tamén se reflicte nos ritos gregarios do catolicismo que noutros tempos congregaban multitudes. Agora, sen xente para ir a misa, os poucos sacerdotes teñen que concentrar os actos relixiosos nas vilas e moitas igrexas da comarca fican hoxe pechadas, como unha enésima proba da desfeita social.

É certo que na comarca hai oasis de esperanza, como a aldea de Tronceda, que logrou reabrir as súas portas e recuperar habitantes con nenos que retomaron a vida. Pero a volta ao rural non é un camiño doado; algúns inténtano pero acaban marchando porque as aldeas carecen dos servizos mínimos necesarios para unha vida en condicións dignas. Mentres tanto, os proxectos de recuperación patrocinados polas autoridades teñen case sempre máis ánimo propagandístico que transformador.

Rúa do Burgo de Caldelas.
Rúa do Burgo de Caldelas.

Oxalá estas miñas lembranzas sirvan de homenaxe ás xeracións de antepasados que viviron e traballaron estas terras vigorosas labradas por ríos e regos bravos. Hoxe, cando o silencio se apodera dos vieiros do Burgo, as pedras de Praesidium seguen alí, tal e como predixo Risco. Pero sen xente que as humanice, sen rapaces que as percorran en bicicleta nin mestras que ensinen nas súas casas, a historia converte estes asentamentos seculares en cinza antes de tempo. O Burgo de Caldelas non merece o esquecemento das nosas xentes alí onde habiten actualmente; merece que o salvemos da desmemoria.

Contenido patrocinado

stats