Ana Pontón pide "máis voz firme para Ourense": “Temos o escano xa na punta dos dedos”

MITIN NO PAVILLÓN DOS REMEDIOS

O BNG quere “facer historia”: “Ourense non é un spray de pementa, é futuro”

Luis Seara, Ana Pontón, Noa Presas e Artai Gabiás, no mitin do BNG no Pavillón dos Remedios
Luis Seara, Ana Pontón, Noa Presas e Artai Gabiás, no mitin do BNG no Pavillón dos Remedios | José Paz

O BNG celebrou este luns no pavillón dos Remedios da cidade o seu mitin central de campaña en Ourense, nun acto no que a portavoz nacional, Ana Pontón, arroupou á cabeza de lista ao Congreso, Noa Presas. A unha semana da cita coas urnas, Pontón fixo un chamamento á mobilización masiva para concentrar o voto no BNG e “facernos valer en Madrid”.

“Estamos a piques de facer historia cun escano do Bloque, temos na punta dos dedos ese escano para darlle a Ourense unha voz forte tras 40 anos”, arengou a líder nacionalista, que contrapuxo esa posibilidade coa polémica da número un do PP por Ourense: “Menos gas pementa que nos afoga e máis voz firme para Ourense con Noa no Congreso”. Pontón expuxo que a estratexia destas eleccións pasa por “reforzar o bipartidismo”, algo que considerou a garantía “de que nada cambie”. Neste sentido, advertiu de que o BNG non dará “un cheque en branco a ninguén” tras décadas vendo como as forzas estatais se alternan “en discriminar a Galiza”.

A portavoz apelou directamente ao electorado “desencantado”, así como ás persoas que se mobilizaron o pasado 11-N nas rúas de Galicia para pedirlles que trasladen esa indignación ás urnas fronte a un modelo “ultraliberal” e marcado pola corrupción. Nesa mesma liña de defensa da maioría social, a líder nacionalista reivindicou a papeleta do BNG como a única ferramenta para facer fronte a un contexto económico onde “os salarios non dan para chegar a fin de mes” ou a vivenda acada prezos desorbitados. Pontón lembrou qu freará calquera retroceso en servizos básicos como a sanidade, a educación ou a dependencia. Por último, censurou o incremento do gasto militar ata os 35.000 millóns, ironizando con que cando o pide a OTAN “os cartos aparecen debaixo das pedras”.

Pola súa banda, a candidata Noa Presas tirou de épica familiar lembrando o consello do seu avó de “vivir dereitos, sen baixar a cabeza” e rexeitou calquera imaxe caricaturizada da provincia. “Ourense non é un spray de pementa: é dignidade, traballo e futuro”, proclamou. Presas chamou a poñer fin “ao bipartidismo estéril” para desbloquear proxectos como a intermodal, o metro lixeiro ou o saneamento do Barbaña.

Contenido patrocinado

stats