As novas xeracións manteñen viva a figura de Otero Pedrayo

PREMIO ORATORIA

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo entregou os Premios de Oratoria en Formato Podcast na casa museo de Trasalba

Publicado: 27 nov 2025 - 06:15 Actualizado: 27 nov 2025 - 11:33
Galardoados da 3ª edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”.
Galardoados da 3ª edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”. | Marcos Atrio

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo fixo entrega este mércores dos galardóns da terceira edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”, na casa museo de Trasalba. Nesta edición, duplicouse o número de participantes, con máis de 25 proxectos presentados elaborados por mozos de entre 16 e 25 anos, todos eles arredor da figura do autor ourensán e a súa obra.

No acto estiveron presentes o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira; a secretaria da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, María José Bravo e o director da cooperativa agroalimentaria Coren, Emilio Rial. Todos eles coincidiron a hora de resaltar a “calidade dos traballos presentados” e insistiron na importancia da oratoria “útil en moitos aspectos da vida”. Nesta liña, aproveitaron para por en valor a figura de don Ramón quen “ademais de ser un gran sabio foi tamén un gran comunicador”.

Galardoados da 3ª edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”.
Galardoados da 3ª edición do Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”. | Marcos Atrio

Creatividade e cariño

O primeiro premio foi para Sara Alonso e Martina Rodríguez, alumnas do Colexio Salesianos de Ourense polo seu traballo “A paisaxe galega como símbolo da nosa identidade”. Trátase dun videopodcast no que reflexionan sobre a importancia de coidar o noso entorno, a través dunha historia amena, pero moi didáctica. “A paisaxe é linguaxe, cultura e alma”, reflexionan seguindo o legado de Otero.

Outorgouse o segundo galardón a “Entre letras e lembranzas. Itinerario dun home de Trasalba”, traballo de Ana González, estudante da Universidade de Santiago de Compostela, que non puido asistir ao acto.

Mentres, o terceiro e derradeiro premio foi para “Ave Pedrayo”, traballo feito en grupo por Lucía Álvarez, Paula del Carmen Díaz, Antía Fernández, Catuxa González, Patricia López, Carla Montero, Joel de Amorín e Milagros Iglesias, do colexio Carmelitas de Ourense. No podcast dialogaron sobre as frases de Otero Pedrayo en latín e fixeron un rap no que mesturaron expresións actuais co latín.

As profesoras de Salesianos e Carmelitas (Almudena e María Dolores) valoraron moi positivamente este concurso que permite “achegar a figura dun grande da nosa literatura cun formato interesante e adaptado as idades dos máis mozos”.

Dende a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, asegura que a próxima edición deste premio será aínda máis especial xa que o 2026 será o ano de Otero Pedrayo, co centenario da “Guía de Galicia” e cúmprense 50 anos do pasamento de don Ramón.

Contenido patrocinado

stats