A cátedra de Otero Pedrayo afondará no seu legado como escritor e xeógrafo

LITERATURA GALEGA

Os estudos axudarán a divulgar a obra e os valores que representa a figura do ourensán

Pazo Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba.
Pazo Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba.

Ourense/A Universidade de Santiago de Compostela ven de anunciar a posta en marcha de catro cátedras institucionais co nome de catro grandes referentes da cultura galega, Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ricardo Carvalho Calero. Trátase dunha iniciativa que nace como froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta.

Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na USC, e Francisco Durán, profesor de Xeografía na mesma institución, serán os responsables de codirixir a que leva o nome do autor ourensán. Farano co propósito de “manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX”. Para iso contarán tamén coa colaboración da Fundación Otero Pedrayo e Penzol, ademáis do respaldo da Real Academia Galega, na que Otero ingresou no ano 1929.

Vilavedra celebra a proposta destas novas cátedras, resaltando que a Universidade de Santiago “tiña cátedras encarriladas a estudar a obra de autores como Valente ou Valle Inclán, pero ningunha orientada aos estudos especificamente de literatura galega”. Nesta liña destaca a importancia de lanzar as catro propostas nun mesmo momento, ofrecendo un espectro de “voces indiscutibles”.

Estas cátedras serán “espazos centrados no estudo, na divulgación da obra e dos valores que representa a figura determinada”, con fin principal de “pensar dende a actualidade os valores que esa figura representa e que esa figura promoveu”.

A figura de Otero pedrayo

“Otero é unha figura, en primeiro lugar, moi rica, moi poliédrica, un intelectual dunha talla asombrosa”, describe a profesora de Literatura Galega. Durán encargarase da dimensión de xeógrafo pioneiro, mentres que Vilavedra traballará coa súa parte máis literaria. “É Otero quen crea a visión actual que temos de Galicia, a partir do carácter simbólico do mapa de Fontán e logo é, seguramente, o primeiro gran novelista moderno”, sinala a mestra, quen resalta que “é Otero o primeiro que conta Galicia a través dun proxecto narrativo”.

Neste senso, o reto que teñen agora por diante os responsables desta cátedra é “actualizar os valores que Otero representa, humanos e intelectuais”. “Gustaríanos resituar un pouco o valor de Otero na historia dos estudios de xeografía e tamén pensar en traducir máis obras deste autor, que está relativamente pouco traducido”, apunta Vilavedra.

Agardan poder cumprir con eses obxectivos grazas ao traballo conxunto que farán en gran medida coa Fundación Otero Pedrayo. “Será unha colaboración moi frutífera e moi complementaria”, festexa a literaria, quen agarda tamén que esta cátedra remate sendo de interese tamén para persoas de fóra de Galicia as que se lle desperte certo interese polo intelectual ourensán.

Contenido patrocinado

stats