ACCIDENTE DE TRÁFICO
Acepta un año sin carné por conducir con una tasa de 0,97 en Verín
XLIV PREMIO BLANCO AMOR
A escritora lucense Cecilia Fernández Santomé recibiu onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel o XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco Amor, pola súa obra “Boundaries Road”. Dotado con 15.000 euros e unha obra escultórica de Acisclo Manzano, o Blanco Amor é o premio de novela máis antigo e de maior prestixio en lingua galega, patrocinado pola Fundación Blanco Amor, en colaboración coa Deputación de Ourense.
Nun contexto nacional onde boa parte dos galardóns literarios están determinados por factores comerciais e a visibilidade dos autores nas redes sociais, o Blanco Amor aparece como un paradigma de transparencia e xustiza estética, recoñecendo unha novela que, en palabras do xurado, distínguese pola “creación dun universo narrativo con gran pegada poética”, así como as personaxes “elaboradas con moita coherencia”.
O presidente provincial, Luis Menor, eloxiou a boa saúde deste galardón, evidente no récord de participación deste ano, con 75 propostas recibidas. Neste sentido, anunciou que o apoio da institución provincial seguirá sendo firme á Fundación Blanco Amor, “fundamental” na preservación do legado dun ourensán que, en palabras do orador, “está máis vivo ca nunca, cunha herdanza cultural clave para as novas xeracións”.
De igual xeito, Menor recalcou a “elevada e sólida calidade” do premio, lembrando que tres dos galardoados (Alfredo Conde, Marilar Aleixandre e Xesús Fraga) foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa.
Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Ten participado en proxectos de xornalismo colaborativo como “Toonari Post” ou “55 Pages”, ademais de codirixir a revista en liña “Coolt”. En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por “As orfas daquel verán”. Tamén é autora das novelas “Quérote. Eu tampouco” (2019), “Unha rapaza de provincias” (2021) e “As despedidas” (2024).
Sobre a novela gañadora, a escritora dixo que se trata “dunha novela arredor das experiencias dunha moza tradutora en Londres e as vivencias que ten na vivenda que comparte cunha parella. E na segunda parte da novela temos unha especie de ensaio ou xogo. Hai unha relación moi estreita entre esas metades, pero tamén poden lerse independentemente, o que contribúe a xerar unha especie de novela en forma de matrioshka, como unha flor que vai despregándose a medida que avanzamos na lectura”.
Fernández Santomé aproveitou a ocasión para agradecer a xenerosidade dun xurado que, ademais, cualificou a súa obra “Boundaries Road” como “unha novela digna da estirpe dun dos máis grandes autores que deu a nosa patria”.
As historias futuras da literatura galega terán que reparar no premio Blanco Amor de novela, un galardón que non só afianza a un autor no panorama da lingua e da invención, senón que a súa resonancia está asociada a Eduardo Blanco Amor, un dos grandes reformadores do imaxinario lingüístico e narrativo da Galicia do século XX.
O director da Fundación, Luis González Tosar, referiuse a unha obra de Blanco Amor recentemente rescatada, o ensaio “Castelao, escritor”. Deste xeito, aproveitou a velada literaria para poñer en valor este texto escrito en 1950 por Eduardo Blanco Amor, o mesmo ano da morte de Castelao. Tosar referiuse ao “valor engadido” e a carácter “inédito” da obra, xa que contén o discurso que pronunciou Blanco Amor o 8 de xaneiro de 1950 no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, para despedir a Castelao.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Acepta un año sin carné por conducir con una tasa de 0,97 en Verín
XLIV PREMIO BLANCO AMOR
Cecilia Fernández Santomé: “Gústame facer do meu recordo unha materia narrativa”
MEDALLAS AL MÉRITO DE LA PROTECCIÓN CIVIL
Protección Civil homenajea a voluntarios e instituciones por la lucha contra los incendios en Ourense
Lo último