O Correlingua encheu de galego a Praza Maior de Ourense

DEFENSA DA LINGUA

A iniciativa, que naceu no 2001, volveu reivindicar un ano máis a importancia de defender a nosa lingua, reunindo a centos de nenos baixo o lema “A mocidade activa por unha lingua viva!”.

Os rapaces reuníronse na Praza Maior de Ourense, dende os centros educativos da provincia.
Os rapaces reuníronse na Praza Maior de Ourense, dende os centros educativos da provincia. | Alba Peña

Hai 25 anos, no 2001, Correlingua naceu como unha iniciativa que tiña por obxectivo concienciar ao alumnado e profesorado dos centros educativos galegos na defensa da lingua galega. Un cuarto de século despois esta actividade continúa reunindo a milleiros de rapaces en toda Galicia en xornadas pondo ao idioma no foco, para que sexa o protagonista fundamental.

Neste sentido, máis de 1370 alumnos procedentes de 19 centros de toda a provincia déronse cita este mércores en Ourense para reivindicar a importancia de manter vivo o galego, facendo uso del na vida cotiá. Dende primeira hora da mañá puido verse actividade na praza maior, onde primeiro os rapaces de primaria e máis tarde os de secundaria participaron en actividades lúdicas e mostraron as súas pancartas co lema do Correlingua 2025: “A mocidade viva por unha lingua activa”. Con estas verbas, a organización do evento busca afondar na necesidade de aumentar o número de galego falantes en especial entre os menores de idade.

No Auditorio Municipal tamén houbo acto, presentado pola actriz Isabel Risco, no que se desfrutou das cancións feitas polo alumnado e a actuación do grupo Os John Deeres, premiado nesta edición do Cantalingua.

Pancarta co lema elixido este ano para o Correlingua.
Pancarta co lema elixido este ano para o Correlingua. | Alba Peña

Os colexios participantes foron os seguintes: CEIP A Ponte, CEIP Filomena Dato, CEIP Irmáns Villar, CEIP Mestre Vide, CEIP O Couto, CEIP Plurilingüe de Luíntra, CPR Cardenal Cisneros, CPR Concepción Arenal, CPR Seminario A Inmaculada, CPR Mª Auxiliadora – Salesianos, IES 12 de Outubro, IES Eduardo Blanco Amor, IES O Couto, IES Otero Pedrayo, IES Prieto Nespereira e IES San Mamede.

Compre destacar que o galego vive e sobrevive en Ourense, tanto na cidade como no resto da provincia. Certas áreas manteñen unha forte tradición galegofalante e a cidade experimenta un aumento no seu uso, en tendencia contraria ao conxunto de Galicia. Neste sentido, os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), reflicten que Ourense é a urbe na que máis sobe o uso da lingua galega e na provincia segue a ser maioritaria.

Contenido patrocinado

stats