Miles de persoas coroan Raigame como a capital da cultura galega
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
O burgo medieval foi un fervedoiro de visitantes, grupos e artesáns que festexaron ao son das cantareiras o Día das Letras
As cantareiras e pandereteiras marcaron o ritmo na romaría etnográfica Raigame que cada 17 de maio enche de alboroto, orgullo e tradición Vilanova dos Infantes. As estreitas e pétreas rutas deste núcleo celanovés, que mantén a esencia medieval, foron un fervedoiro de xente chegada de diferentes lugares, pero sobre todo de grupos de folclore, de cantareiras e de artesáns que manteñen vivas as tradicións e a cultura galega.
A festa, que medra ano a ano, é froito do traballo colectivo de institucións e veciños, de traballadores e voluntarios que coa súa cooperación permitiron recrear un escenario vivo da Galicia de principios do século pasado e desta edición, todo un éxito. O tempo acompañou e, moito antes das once da mañá a romaría xa recibira aos seus primeiros visitantes, desexosos de desfrutar dunha viaxe no tempo a través dos postos que, a pé de rúa ou nos baixos cedidos pola veciñanza, amosaban a arte, a cultura e a tradición galega a través dos seus oficios: fiadeiros, vidrieiros, xoieiros, ferreiros, telleiros, palilleiras e un longo etcétera que alternaban o seus postos coas tabernas, os postos de doces e os espectáculos, moi ben sincronizados, dos diferentes grupos de folclore que non deixaron que a música deixase de soar en cada recuncho do burgo medieval.
“O ambiente é impresionante, un exemplo de celebración do Día das Letras Galegas, do día da nosa cultura” dixo na súa intervención o alcalde celanovés, Antonio Puga, con motivo da entrega do premio honorífico Adolfo Enríquez ás cantareiras da provincia de Ourense, representadas polas mulleres das aldeas de Avión e Beariz. Nun acto que contou coa asistencia dos alcaldes das Terras de Celanova e Baixa Limia, do delegado territorial Manuel Pardo ou a conselleira Ángeles Vázquez, o presidente da Deputación Luis Menor tamén reivindicou a romaría como a mellor celebración do Día das Letras Galegas de toda Galicia. “Ourense é cultural, Ourense é tradición e Ourense é galego. Nada mellor que Raigame, que define perfectamente todas estas características”, dixo.
Dende o alto da Torre da Homenaxe, avistábase campos repletos de coches, mentres o autobús histórico completaba o percorrido entre Celanova e Vilanova. No burgo medieval, as zonas de sombra eran as máis cobizadas para compartir o almorzo de grupos de amigos e familias. Un descanso antes de seguir bailando e desfrutando cos obradoiros e demostracións, os monicreques, xogos populares, contacontos, recreacións, exposicións e proxeccións con toques de realidade virtual. Os Bolechas, que o ano pasado visitaron o burgo medieval co seu espectáculo, aproveitaron para presentar un libro adicado a Raigame e tamén estrearon selo na Sociedade Miño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PRIMEIRA FASE DAS OBRAS
Vilanova dos Infantes terá unha mobilidade máis respectuosa
LADRONES DEL METAL
La “banda de los cristos” sustrae en Celanova 34 figuras en solo una noche
PIDEN DENUNCIAR OS FEITOS
Urxen protexer o histórico grafiti celanovés danado
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas