Emilio González Graña: a forza da palabra

OBITUARIO

O sacerdote, docente e pensador ourensán Emilio González Graña faleceu aos 90 anos tras unha vida marcada pola defensa da lingua galega, o compromiso coa mocidade e unha firme aposta pola liberdade e a xustiza social

Emilio González Graña nunha imaxe de archivo.
Emilio González Graña nunha imaxe de archivo. | La Región

Onte finou en Ourense Emilio González Graña aos noventa anos de idade. Con el vaise un persoeiro singular: excura, docente exemplar, pensador de fondura e orador de excelencia. Naceu hai 90 anos en Teimende (Parada de Sil), no seu dunha familia humilde. Orfo de nai dende neno, tiña clara a sentencia de seu pai, que sostiña que os pobres so tiñan duas saídas: cura ou labrego. Sin conciencia de futuro, encamiñouse dende o principio pola primeira opción. Milín, como era coñecido no entorno, “foi un rapaz listísimo”, segundo a poeta e mestra Dora Vázquez, con quen aprendeu as primeiras letras. Logo ingresou na escola dos paúles do Monte Medo, que atendían o santuario dos Milagros, para seguir a formación académica e relixiosa en Salamanca, onde cursou Filosofía e Teoloxía. Ordenouse crego en Madrid, xa acompañado pola aura que vaticinaba un futuro brillante na organización.

De volta a Ourense, comezou a dar clase e a liderar un selecto grupiño de compañeiros paúles, tamén novos, concienciados de que a emigración que imperaba no entorno era un drama, pero que aínda maior era que os cartos que aforraban fosen investidos fóra e non para asentar as bases dun futuro sustentable cos recursos endóxenos. Paralelamente, teimaron na defensa do galego na vida e no ensino, situando aos rapaces na vangarda da pedagoxía, así como afondaron na parte social, axudando aos estudantes co aluguer de vivendas en Santiago e Vigo para que ninguén quedara sen a oportunidade de ir á universidade por falla de medios. “Fomos un oasis de liberdade e creatividade”, sinalaba anos despois, como refrendan tantos alumnos que acadaron o éxito académico.

O cóctel foi explosivo e acabou por estoupar na pacata sociedade do tardofranquismo. Graña foi boicoteado pola Igrexa e pola superioridade dos paúles, que o expulsaron da comunidade (retiráronlle as chaves de acceso), mentras o bispo Temiño -de triste lembranza- suspendeuno como crego. Un grupo de compañeiros leais (Manolo Peleteiro, Odilo Cid, Sergio Fierro e José Luis Nieto, todos xoves coma el, ansiosos de cambiar o mundo dende dentro), asumiron solidarios a decisión e abandonaron a congregación Foi o principio do fin do colexio dos Milagros.

Con 42 anos, literalmente na rúa e sen un peso, tuvo que reinventarse, póndose a estudar para convalidar a formación académica e preparar oposición. Xa casado e con dous fillos (nesa altura o inefable Temiño fíxolle unha indecente proposta que anos despois aínda lle facía chorar). Tivo como primeiro destino a Universidade Laboral, pasando despois ao instituto Otero Pedrayo, onde foi profesor e director e onde os alumnos aínda lembran a sua brillantez como docente. Rematada esa etapa, apuntaba que “non fixen outra cousa que manter o norte onde sempre o tiven: nos rapaces e no poder da palabra a través da nosa lingua para defender a terra”.

A pesar dos golpes baixos nos tempos duros, nunca abdicou dos seus principios e conviccións de autenticidade, nin do fino sentido do humor e risa franca cos amigos. Ao contrario, seguiu sublimando o valor a palabra como forma de defender a fala e a terra. Foi unha honra aprender do seu denso maxisterio.

Contenido patrocinado

stats