Funcionalidade e asistencia, piares das novas instalacións do Materno Infantil

Centralízanse os servizos no edificio Cristal para garantir a seguridade, humanizar os espazos e optimizar a atención.

Voluntarias de Cruz Vermella xunto a persoal da Unidade de Pediatría, dous dos pacientes e familiares.
Voluntarias de Cruz Vermella xunto a persoal da Unidade de Pediatría, dous dos pacientes e familiares. | La Región

Tras unha completa remodelación que busca garantir a seguridade, humanizar os espazos e optimizar a atención a nenos, nais e recén nacidos, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) centraliza os servizos materno-infantís no edificio Cristal a través dunha reforma que supuxo a integración da área pediátrica e os coidados intensivos na cuarta planta, e a unificación de xinecoloxía, obstetricia e a área de partos na primeira, co obxectivo de crear un ambiente máis seguro, cómodo e adaptado ás necesidades dos pacientes e as súas familias.

Deste xeito, vén de inaugurar a renovación integral en Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Cristal para unha atención máis humanizada, unificando todos os servizos na primeira planta do edificio Cristal. A reforma busca mellorar a funcionalidade e o confort para os pacientes, cun foco especial na humanización dos espazos e a mellora da experiencia materna.

Esta unificación de servizos busca unha atención máis eficaz, de xeito que na parte esquerda da planta, centralizáronse as urxencias xinecolóxicas e obstétricas, as ecografías de embarazo, as histeroscopias, a monitorización fetal e o servizo de solo pelviano. Esta reorganización crea circuítos máis eficientes nunha distribución de espazos illados e climatizados, garantindo un ambiente cómodo e privado para as pacientes. Segundo explica a xefa de servizo, Esther Álvarez, as actuacións centráronse en “adecuar o espazo estrutural que mellor se adaptaba ás necesidades das nosas xestantes, primando a seguridade, a intimidade, a continuidade do proceso, o acompañamento e o apego materno-neonatal”.

Para acadar esta finalidade, avánzase nunha hospitalización renovada e máis humanizada trasladando tamén á mesma planta os cuartos de hospitalización de obstetricia, que foron completamente reformados. A nova unidade inclúe salas específicas para coidados infantís e lactación, así como dúas habitacións individuais con monitorización fetal centralizada. Para facer a estancia máis acolledora, as paredes están decoradas con fotografías de recén nacidos e con reproducións dos orixinais do concurso fotográfico da área sanitaria. Ademais, recuperáronse debuxos de Mon Devane que estaban no antigo materno, engadindo un toque artístico ao espazo.

Con esta nova redistribución, o CHUO optimiza os recursos e fomenta un ambiente máis amable e seguro. O obxectivo é mellorar a experiencia das mulleres durante o seu ingreso hospitalario, adaptándose ás súas necesidades e ás dos seus bebés nun contorno renovado e acolledor. Neste sentido, Esther Álvarez lembra que “un hospital novo non se pode facer en catro meses” e que as actuais son “unhas instalacións provisionais, pero mellores que o que había ata agora”.

Vista xeral das novas salas de dilatación no edificio Cristal.
Vista xeral das novas salas de dilatación no edificio Cristal. | La Región

Maior seguridade nos partos

A remodelación do Materno Infantil complétase co traslado da área de partos do CHUO ó edificio Cristal para garantir a seguridade e a calidade asistencial. O cambio, motivado polo deterioro estrutural do antigo edificio Maternal, responde á necesidade urxente de garantir a seguridade arquitectónica e clínica para xestantes e profesionais. Agora, as mulleres dan a luz nunhas instalacións renovadas e máis confortables.

Hai que ter en conta que, aínda que o traslado é provisional, as novas instalacións non supoñen unha perda de recursos, senón unha adaptación estrutural. Mantense a funcionalidade con cinco salas de dilatación, un paritorio e un quirófano obstétrico, e todas estas novas estancias superan en calidade e confortabilidade ás anteriores. As salas están agora illadas, contan con luz natural, climatización e equipamento moderno, creando un ambiente máis agradable pensado para darlle prioridade á intimidade e ó acompañamento, incluíndo unha zona de baño con ducha de hidromasaxe para aliviar a dor nas xestantes que o desexen.

Deste xeito, as novas salas permiten partos naturais con total privacidade e intimidade, ofrecendo a posibilidade de que a muller estea acompañada durante todo o proceso. As condicións das estancias tamén son adecuadas para a recuperación posparto, garantindo un maior confort. Sobre estas salas, explica Esther Álvarez que “as novas dilatacións son máis respectuosas co proceso de parto, teñen as mesmas dimensións que as do noso antigo Materno, pero nestas novas hai ventás que humanizan o espazo nun momento inesquecible das súas vidas”.

A nova distribución optimiza a resposta ante situacións críticas. O paritorio está situado xunto a un quirófano totalmente equipado e dispón de acceso directo á UCI neonatal. Esta proximidade mellora de xeito notable a coordinación asistencial e permite unha resposta inmediata ante calquera urxencia obstétrica ou neonatal, garantindo a máxima seguridade para a nai e o bebé. Os circuítos asistenciais foron modificados para ser máis eficientes, asegurando unha atención fluída e de calidade en todo o proceso do parto.

O proceso de traslado comezou o pasado 29 de xullo e culimouse nuns días ás áreas recén reformadas da man dun equipo formado por uns cincuenta profesionais (en torno a trinta enfermeiros e dezasete médicos).

Lidia Santos foi a primeira muller en dar a luz nas novas instalacións do Materno Infantil.
Lidia Santos foi a primeira muller en dar a luz nas novas instalacións do Materno Infantil. | La Región

Nos últimos días do mes de xullo, Patricia convertíase no primeiro bebé en chegar ó mundo nestas novas instalacións. A súa nai, Lidia Santos, residente en Maside amosouse moi contenta co cambio pola climatización e luminosidade das novas salas de dilatación. Ela xa fora usuario do antigo edificio do Materno Infantil, onde tivo ó seu primeiro fillo. Daquela experiencia lembra que se trataba de habitacións pechadas nas que facía moita calor, de xeito que esta segunda experiencia resultoulle moito máis “agradable”.

Contaba Lidia que “en comparación, é moito mellor que o antigo Materno, sobre todo no tema de dilatación”. Lembra Lidia que alí “era todo interno, sen luz natural; en cambio, no novo hai luz natural, é máis espacioso e aténdente moito mellor, de forma máis cercana”. Por todo iso, “para min ten moito mellor servizo este, non boto nada de menos o outro”, lembraba coa súa filla xa nos brazos facendo énfase na luminosidade e temperatura do novo servizo.

Contenido patrocinado

stats