"Habitar no baleiro" presenta o seu primeiro adianto no OUFF
AMOSAR A VIDA NO RURAL
Este documental busca amosar a forma de vivir no rural galego
O documental “Habitar o baleiro” estreou onte o seu primeiro adianto no OUFF. O filme, que trata sobre a vida no rural galego, está dirixido por Miguel Riaño. O proxecto naceu do proxecto homónimo do que forman parte a xornalista Cláudia Morán e o fotógrafo Brais Lorenzo, que agora medra ata converterse en longametraxe. O seu primeiro avance presentouse onte no OUFF dentro da sección Xanela, que dá visibilidade a proxectos en desenvolvemento.
A obra aborda a complexidade dun mundo rural en retroceso, pero tamén cheo de vida, coa intención de amosar as súas contradicións. “Acabamos de velo cos incendios forestais deste verán, sen rural non hai vida. Sen xente nas aldeas, toda a sociedade estamos en perigo.”, sinalou Lorenzo.
Ademais, o fotógrafo recoñeceu a dificultade de reflectir unha realidade que, malia estar marcada polo abandono, tamén agocha resistencia. “Son pesimista co rural, podemos vivir a morte dunha civilización. Ao final, os labregos son os nosos indíxenas”, engadiu.
A peza presentada céntrase en Pereira, unha aldea de 32 habitantes no concello de Entrimo onde persoas dependentes reciben axuda a domicilio. “Esta é unha das moitas historias nas que estamos traballando para o documental. Algunhas estarán na montaxe final e outras non, pero todas falan do que está a acontecer nas aldeas e vilas galegas, especialmente en Ourense e Lugo”, explicou Riaño.
O director tamén salientou a necesidade de abrir o debate social sobre o tema da longametraxe: “O rural con capacidade produtiva é o que máis posibilidades ten de sobrevivir, pero iso lévanos a preguntarnos canto vale a vida dunha persoa e se iso é xusto”.
Para Morán, “Habitar o baleiro” é un concepto revelador por si mesmo: “Dende o inicio, presentamos o documental como un oxímoro. Fálase de despoboamento en lugares onde aínda viven persoas. Queremos amosar que no rural existe moita vida e mirala cara a cara, pero falta planificación para preservala”, explicou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último