Hans Zimmer encheu o Auditorio con música cinematográfica universal no OUFF

Xove Orquestra Ourensanía

O OUFF Film Symphony foi todo un éxito, enchendo o Auditorio Municipal. A interpretación da Xove Orquestra Ourensanía das bandas sonoras de Hans Zimmer fixo que o público expresase unha longa ovación unánime.

José Manuel Cancela dirixindo á Xove Orquestra Ourensanía.
José Manuel Cancela dirixindo á Xove Orquestra Ourensanía. | Iago Cortón

O Auditorio Municipal quedou pequeno este domingo para acoller o concerto OUFF Film Symphony, unha cita que congregou a centos de persoas nunha homenaxe ao compositor alemán Hans Zimmer, referente no campo das bandas sonoras. O público ateigou o espazo para desfrutar en vivo dalgúns dos temas máis recoñecibles da historia do audiovisual interpretados pola Xove Orquestra Ourensanía.

O acto abriu cun momento moi especial: a estrea do OUFF Theme, a peza musical oficial do festival, dirixida polo seu autor José Manuel Cancela. O tema sorprendeu pola súa riqueza rítmica grazas á incorporación de panderetas en perfecta fusión coa música sinfónica da orquestra. A composición busca evocar os sentimentos que transmite o cine ao público a través dunha melodía recoñecible.

Trala presentación, colleu a batuta o director musical da orquestra José Luis Tielas, quen guiou á formación a través dun percorrido de grande intensidade polas bandas sonoras máis icónicas de Zimmer. Así, público recoñeceu dende os primeiros compases os temas de “Orixe”, “Piratas do Caribe” ou “Gladiator”. Estes dous últimos contaron cunha posta en escena moi particular: membros do grupo de especialistas Arcanos caracterizados recrearon combates sobre o escenario, intensificando a atmosfera cinematográfica conxugando a súa coreografía á perfección coa música. Demostrouse dun xeito práctico de que xeito as composicións de Zimmer traspasan xeracións e grupos sociais para converterse en pezas universais dentro do imaxinario popular.

Durante actuación, Tielas colleu o micrófono fixo fincapé na importancia de valorar o talento da orquestra, formada exclusivamente por xente nova: “Todo isto é grazas ao seu talento. Estamos a facer isto soamente con dous ensaios”, explicou. Ademáis fixo un recoñecemento a José Manuel Cancela, antes de que ambos se fundiran nunha grande aperta. “Temos que comezar a valorar o noso, os galegos somos incribles e se non nos valoramos nós, non o vai facer ninguén”, afirmou.

A interpretación conseguiu que o público se puxese en pé dando unha ovación unánime no que foi, sen lugar a dúbidas, un dos grandes momentos desta edición número 30 do OUFF.

Contenido patrocinado

stats