EDITORIAL
La Región

Un incremento da superficie en máis de 340.000 metros cadrados en San Cibrao

SUELO INDUSTRIAL

Os traballos adxudicaranse no primeiro semestre do 2026 e prevese que estean rematados a finais do ano 2027

Publicado: 07 dic 2025 - 06:24 Actualizado: 07 dic 2025 - 07:38

Vista xeral do parque empresarial de San Cibrao das Viñas.
Vista xeral do parque empresarial de San Cibrao das Viñas. | La Región

Avanza a ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas coa recente aprobación por parte do Consello da Xunta do proxecto polo que se autoriza a licitación das obras do proxecto de urbanización, que suporá incrementar en 341.542 metros cadrados a superficie actual e que está previsto que estean a disposicións das empresas no ano 2028.

Con esta autorización, a Xunta poderá licitar os traballos para a súa adxudicación no primeiro semestre do 2026 e comezar a execución a continuación, que ten un prazo estimado de 18 meses. Deste xeito, está previsto que o remate e posta en servizo destas infraestruturas sexa a finais do ano 2027.

O Goberno galego, a través da sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), promove este proxecto de urbanización do plan parcial Sur I2, I3 e I4 do plan Xeral de Ordenación Municipal de San Cibrao das Viñas, tras a súa aprobación definitiva polo Concello o pasado 11 de setembro, e conta cun orzamento global de 17,8 millóns de euros.

Con estas actuacións, a Xunta impulsa unhas obras necesarias para atender as demandas do tecido empresarial diante da falta de solo industrial na comarca de Ourense. As actuacións a levar a cabo permitirán urbanizar 5 grandes mazás que, segundo a demanda dos empresarios, poderá dividirse en parcelas que irán dos 1.400 metros cadrados ata os 68.000 metros cadrados como máximo. Incluirá un área de equipamentos para dar servizos aos núcleos de poboación mais cercanos, así como zonas verdes situadas no perímetro do ámbito do polígono que servirán de barreira visual e protexerán o entorno rural e as zonas residenciais máis próximas.

O actual parque empresarial de San Cibrao dispón de máis de 3,2 millóns de metros cadrados de solo industrial que están a piques de se esgotar. Conta con 223 empresas asentadas no seu ámbito, que xeran 5.500 postos de traballo directos e unha facturación que supera os 1.800 millóns de euros. Ademais, no concello atópanse os parques empresariais de Barreiros, a Central de Transportes e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Nova depuradora

Con esta licitación aprobada no Consello da Xunta, o Goberno galego acelera os prazos de execución das obras de ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas despois de que o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicase o pasado 24 de setembro a licitación das obras de saneamento do río Barbaña e a mellora da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de San Cibrao, unha actuación imprescindible para poder abordar a ampliación do parque empresarial.

O Concello de San Cibrao, lindeiro co de Pereiro de Aguiar, conforman o cinto industrial da comarca de Ourense. A pesares de que apenas suman uns 12.500 habitantes, representan o 40% do emprego total das empresas da comarca e o 38% do volume de negocios das entidades mercantís. Na actualidade máis de 320 empresas teñen o seu domicilio fiscal no municipio e xeran máis de 6.247 postos de traballo directos, fronte aos 5.718 habitantes do último censo.

Contenido patrocinado

stats