"El mal hijo" de Jaime Lorente, premio Ópera Prima do OUFF

CLAUSURA DO FESTIVAL

O murciano Jaime Lorente, coñecido por "La casa de papel", presenta súa primeira longametraxe como director, que conta co ourensán Chechu Salgado no reparto

Jaime Lorente, premiado polo OUFF.
Jaime Lorente, premiado polo OUFF. | Europa Press

O OUFF anuncia o seu final por todo o alto. “El mal hijo”, ópera prima como director de Jaime Lorente, protagonizará a clausura da 31ª edición do festival, que se celebrará no Auditorio Municipal o vindeiro 3 de outubro.

O intérprete, coñecido especialmente polos seus papeis en “La casa de papel”, acudirá a Ourense para presentar o seu debut detrás das cámaras e recibir a homenaxe. O recoñecemento pon o foco nesta nova etapa da súa carreira, na que cambia a interpretación pola dirección para asumir por primeira vez a responsabilidade dunha longametraxe.

Óscar Doviso e César Silva presentan o premio Ópera Prima
Óscar Doviso e César Silva presentan o premio Ópera Prima

Óscar Doviso, director do OUFF, destacou a “carga social moi potente” dunha historia que aborda as adiccións e as consecuencias que provocan no ámbito familiar. A cinta está baseada na novela homónima de Salvador Molinas e segue un rapaz de once anos que, tras a desaparición repentina do seu pai, debe trasladarse a vivir coa súa avoa nunha contorna rural. Alí comezará a descubrir feridas, conflitos e segredos familiares.

O filme permitirá ademais atopar un importante vínculo con Ourense no seu reparto. Nel participa o actor ourensán Chechu Salgado, gañador do Goya ao mellor actor revelación por “Las leyes de la frontera”. A súa presenza engade un atractivo local á película escollida para poñer o broche ao festival.

César Silva, asesor de programación do OUFF, puxo tamén o foco na figura de Lorente e no salto que supón pasar dunha extensa carreira diante das cámaras á dirección. A súa popularidade chegou especialmente da man de “La Casa de Papel”, aínda que acumula unha ampla traxectoria televisiva e cinematográfica como no teatro. Silva destacou ademais o “rigor” da proposta coa que se presenta como cineasta.

Deste xeito, “El mal hijo” súmase á aposta do OUFF polo cinema de autor e con contido social. A clausura permitirá así descubrir unha nova faceta dun rostro moi recoñecible para o público e contará tamén coa presenza dun dos intérpretes españoles con maior proxección dos últimos anos. O festival celebrarase entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.

Contenido patrocinado

stats