O OUFF presenta unha edición con ganas de medrar

PRESENTACIÓN DE SUS PREMIOS

Charo López e Manuel Lorenzo serán dous dos homenaxeados polo Ourense Film Festival (OUFF) este ano

Presentación da 31ª edición do OUFF
Presentación da 31ª edición do OUFF | Alan Pérez

“Eu fixen as películas que quería ver”. Marcos Vázquez, director técnico do OUFF, recuperou onte no Pazo de Vilamarín esta frase de Billy Wilder, un dos cineastas homenaxeados pola 31ª edición do festival, para resumir o espírito co que o certame encara unha nova entrega. A presentación serviu tamén para descubrir dous dos premios que se entregarán este ano: o Chano Piñeiro para Manuel Lorenzo e o Premio Especial OUFF para Charo López. Ambos súmanse a Javier Gutiérrez, que recibirá a Calpurnia de Honra desta 31ª edición. A organización mantén aínda outros dous galardóns por revelar antes dun festival que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.

O Premio Chano Piñeiro recoñecerá a Manuel Lorenzo, produtor cunha extensa traxectoria no audiovisual español. Pola súa banda, Charo López recibirá o Premio Especial OUFF tras máis de cinco décadas de carreira como actriz no cinema, o teatro e a televisión. Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, reuniu os recoñecementos baixo conceptos como “excelencia”, “memoria” ou “prestixio”.

O director artístico do festival, Óscar Doviso, puxo o acento no salto que pretende dar o certame para consolidar “un festival nacional que se fai na cidade de Ourense”. Avanzou unha edición con estreas e contidos pensados para públicos de distintas idades e sensibilidades. Durante o acto tamén se desvelou a composición dos xurados das diferentes seccións competitivas.

Menor incidiu especialmente na dimensión provincial do OUFF. Defendeu que o festival manteña a súa capitalidade en Ourense, pero leve actividades ao resto do territorio e permaneza vivo durante todo o ano. “Apoiar as iniciativas culturais non é un gasto, é un investimento”, defendeu, antes de destacar o retorno turístico e creativo que supón o certame.

Por outra banda, Vázquez lembrou que un festival “é moito máis ca películas” e reivindicou as persoas que as crean, as interpretan e as ven, mentres que Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, destacou “o gran papel dos festivais audiovisuais galegos”. Por último, Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, pechou destacando a capacidade do cinema para “proxectar o territorio”.

Do cinema internacional ao talento feito na provincia

Aínda queda moito por anunciar, pero o xa coñecido permite anticipar un OUFF cargado de propostas diferenciais. A 31ª edición combinará grandes títulos internacionais, cinema galego, produción ourensá, curtametraxes, series e clásicos do cinema. Entre os principais reclamos estará “Fjord”, de Cristian Mungiu, gañadora da Palma de Ouro de Cannes e un dos títulos da Sección Oficial Internacional. Tamén competirá na mesma sección “Terra Vil”, do portugués Luís Campos, que terá en Ourense a súa estrea española.

Panorama Galicia reunirá sete longametraxes, catro documentais e tres ficcións. Entre elas estará “Kiro”, de María Yáñez, o primeiro documental cinematográfico dedicado a Ana Kiro e que terá no OUFF a súa estrea absoluta. A sección incluirá tamén propostas arredor da memoria, a emigración ou o Camiño de Santiago. A competición de curtas traerá outras 18 obras de 11 nacionalidades, 3 delas galegas, con historias sobre cuestións como inmigración, violencia machista, saúde mental ou memoria histórica.

A creación ourensá terá tamén un espazo propio no festival. Made in OU reunirá dez producións vinculadas á provincia. Entre elas, haberá documentais sobre figuras como Méndez Ferrín e ficcións rodadas en lugares como O Barco de Valdeorras. Faíscas, pola súa banda, volverá apostar polos novos creadores coa segunda edición da súa residencia audiovisual.

A programación xa anunciada deixa así unha oferta ampla, con espazo para producións de gran percorrido internacional, novas voces galegas e tamén propostas vencelladas directamente coa propia provincia de Ourense.

Fóra da competición oficial, a sección Inédito traerá “Napoli New York”, de Gabriele Salvatores, nacida dun guión perdido de Federico Fellini, e “The Man I Love”, protagonizada por Rami Malek. O festival proxectará tamén un capítulo da serie “Las hijas de la criada” e reservará un ciclo para Billy Wilder, con cinco clásicos entre os que figuran “Con faldas y a lo loco”, “Testigo de cargo” e “El apartamento”.

Contenido patrocinado

stats